venres, 24 de novembro de 2023

Imos ao concerto: Pulcinella e a máscara máxica

" Que triste está Pulcinella! Perdeu a súa máscara e non a atopa... Sen ela non poderá acudir ao baile. Pasou un martes de Entroido de 1527, no día Grande de Nápoles. Xunto coa súa amiga Colombiba correrán mil aventuras ata atopar a máscara coa que poder disfrazarse para ir á festa."

O alumnado de 5º de primaria asistirá o próximo venres, 1 de decembro, a un concerto. A Real Filharmonía de Galicia interpretará a suite Pulcinella de Igor Stravinsky acompañada da bailarina Marta Placer.

O compositor: Igor Stravinsky

Igor Stravinsky é un dos compositores máis coñecidos e importantes dentro do mundo da música clásica, considerado, incluso,  o mellor compositor do século XX.  

Naceu en San Petesburgo ( Rusia) en 1882. O seu pai, cantante de ópera, pertencía a unha familia importante da cidade. Aínda que de neno aprendeu a ler partituras e tocar o piano, o seu pai nunca apoiou o seu interese pola música.  En  1902, despois da morte do seu pai, coñeceu a Rimski-Korsakov, (un dos compositores rusos máis importante do momento) quen se converteu no seu profesor de música e con quen aprendeu a compoñer.

 

Stravinsky compuxo,  durante 60 anos, obras que abranguen gran cantidade de estilos e formas: compuxo óperas, sinfonías, pezas para piano e ata obras para grupos de jazz.

 Adquiriu fama internacional con tres ballets: O paxaro de lume (1910), Petrushka (1911/1947) e A consagración da primavera (1913). 


Pulcinella

Pulcinella ou Polichinela é un personaxe da Commmedia dell’Arte italiana utilizada no teatro de titeres dende o século XVll . Representa a un criado astuto  cunha gran habilidade para resolver todos os problemas que se lle presentan.

 

Decorado realizado por Pablo Picasso en 1920 para o Ballet Pulcinella
 Pulcinella é un ballet cuxa música foi composta por Igor Stravinsky . O ballet está baseado nunha obra do século  XVIII sobre o personaxe Pulcinella . A obra estreouse na ópera de París o  15 de maio de 1920.  A bailarina Léonide Massine creou o libreto e a coreografía , e Pablo Picasso deseñou os traxes e decorados orixinais.

En 1922 Stravinsky suprimiu as partes cantadas do ballet dando lugar á suite que imos escoitar no concerto.

 Que é un ballet?

O ballet clásico ou danza clásica é unha forma de danza cuxos movementos se basean nun control total e absoluto do corpo, recoméndase comezar dende cedo polo seu grao de dificultade. A diferenza doutras danzas, no ballet cada paso está codificado. As mans, os brazos, o tronco, a cabeza, os pés, os xeonllos, todo o corpo participan invariablemente nunha conxunción simultánea de dinámicas musculares e mentais que deben expresarse en total harmonía de movementos.

O termo ballet tamén se usa para designar unha peza musical composta, a propósito, para ser interpretada a través da danza . O ballet é unha das artes escénicas.

 

Se queres saber máis sobre o ballet fai clic na imaxe 


Aquí vos deixo algúns fragmentos do que imos escoitar:
Pulcinella:  "Vivo"
Pulcinella: Sinfonía



Que instrumentos recoñeces nos dous primeiros videos? A que familia pertencen? Soan todos ao mesmo tempo?


Un dos números musicais que compoñen a suite de Stravinsky é unha Tarantella Napolitana.  É unha danza rápida, de ritmo ternario que, segundo se dicía antiguamente, servía para curar a picadura da tarántula, cuxo veneno é moi perigoso. 

E si bailamos unha tarantela...?