domingo, 9 de novembro de 2014

IMOS AO CONCERTO

Proximamente alumnos do Castelao asistirán  a un  concerto didáctico.
A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave,   ofreceranos  un concerto onde a danza é a escusa para mostrar un magnífico compendio de músicas  de diferentes épocas. 

O programa do concerto fai unha proposta de movementos independentes de suites orquestrais  de Bach, Falla, Ravel e Stravinski facilitando deste xeito a oportunidade de coñecer estilos musicais moi diferentes entre uns e outros autores.

  • A Badinerie é unha danza moi breve e viva. Toma o seu nome do verbo francés badiner (bromear). A Badinerie da Suite nº2 de Bach para frauta e cordas é un dos exemplos máis brillantes de badiner.
       

  • A gavota é unha danza de orixe francés de estilo elegante. Ten un compás de 4/4 ou 2/4 cun tempo moderado ou lento . Fíxose moi popular na corte de Luis XIV de Francia.




  • Le tombeau de Couperin  é unha suite en seis partes do compositor francés Maurice Ravel. Nesta suite fai unha  homenaxe á música francesa do século XVIII. Escoitaremos a terceira e cuarta peza desta suite.





https://www.youtube.com/watch?v=B8xGX06FoUc


  • A Tarantela é una danza  italiana  de orixe napolitano cun ritmo moi vivo.  Ten dúas partes ben  diferenciadas , en compás de 6/8  e vai aumentando progresivamente a velocidade. Escoitaremos a Tarantela do ballet  Pulcinella de Igor Stravinski. 

  •  O amor bruxo é un ballet  para orquestra sinfónica de Manuel de Falla. O argumento narra unha historia de amor e paixón, de bágoas e pesar, de bruxería, morte e danza. Escoitaremos a  Danza do lume e a danza do terror.





mércores, 22 de outubro de 2014

SAMAÍN

A noite do 31 de outubro celebramos o Samaín, unha festa ancestral en honor de Samaín, deus dos mortos. Os celtas crían que nesa data, coa chegada da  noite, o mundo dos mortos facíase máis accesible para os vivos e que os espiritos  regresaban á terra facendo trasnadas ata que saían os primeiros raios do sol, co mencer.
Podes escoitar e cantar algunha das obras e  cantigas que fixemos na aula de música preparando esta data.


https://www.youtube.com/watch?v=CYyRibaMQoA

https://www.youtube.com/watch?v=Z2QAk4sGzuM



https://www.youtube.com/watch?v=PhvpoM4rNoo



luns, 9 de xuño de 2014

MÚSICOS NA AULA: O THEREMIN de Óscar


Hoxe o profe Óscar trouxo á clase de música un Theremin.

O Theremin é un instrumento musical inventado polo físico e violonchelista ruso Leon Theremin en 1919. Foi un dos primeiros instrumentos musicais electrónicos. Ten un  timbre moi peculiar que  semella a algo entre o son  dun violonchelo e a voz humana pero o máis curioso deste instrumento é que o intérprete non ten contacto físico con el en ningún momento.
O diseño deste instrumento  consiste nunha caixa con dúas antenas. A antena dereita é recta e está en posición vertical e serve para controlar o tono. A antena esquerda está en posición horizontal con forma de bucle e controla  a intensidade. Achegando ou separando as mans de cada unha das antenas e sen chegar a tocalas conseguimos sons diferentes: canto máis preto poñamos a man na antena da dereita máis agudo será o son e canto máis nos acheguemos á esquerda máis baixará  a intensidade.
Theremin
O theremin foi empregado por moitos compositores, grupos e intérpretes recoñecidos como Led Zeppelin, Pink Floyd, Estopa, Fangoria...

Grazas Óscar pola túa achega, as explicacións sobre o instrumento e por deixarnos investigar con el.

























O Claro de lúa de  Claude Debussy interpretado cun theremin ten unha cor especial... 







luns, 2 de xuño de 2014

MÚSICOS NA AULA: Sergio e o trombón



O trombón é un instrumento musical aerófono da familia do vento metal. O son prodúcese grazas á vibración dos beizos do  intérprete na boquilla a partires da columna de aire. 
As diferentes notas obtéñense polo movemento dun tubo móbil, chamado vara, alongando a distancia que o aire en vibración debe percorrer, producindo deste xeito sons que tamén se poden controlar cunha maior ou menor presión  do aire soprado polo intérprete na vara: canto máis se alonga  a columna de aire máis grave é o son. 
De igual xeito que case todos os instrumentos da familia do vento metal, o trombón é de latón e consiste nun tubo cilíndrico e aberto enrolado sobre si mesmo. A vara (corrediza) pode ocupar sete posicións diferentes: para cada posición corresponde unha serie de notas.  

O trombón de varas ten tres partes principais: 
Boquilla ou embocadura: peza pequena que se adapta ao tubo do trombón para que o intérprete sopre: os beizos  apóianse nos bordes, vibran e producen o son.
Pavillón: ensanchamento do tubo.
Vara: ten forma de U e móvese en sete diferentes posicións con distinta lonxitude. As varas do trombón non permiten grandes velocidades cando se toca, pero é un instrumento perfecto para interpretar glissandos.


Hoxe Sergio  Manteiga  trouxo o  trombón á clase de música. Presentounos o seu instrumento explicándonos cada unha das partes que o forman e interpretou dúas obras musicais para que escoitáramos o son do trombón en directo.

 Parabéns Sergio, pola interpretación  musical na clase de hoxe e moitas grazas  pola túa achega á clase de música.

 Nos seguintes enlaces podemos escoitar a Segio na audición da aula de música e tamén na que recientemente tivo no Conservatorio de Santiago




domingo, 1 de xuño de 2014

Os nosos músicos: Olga Raíces, soprano.

Recientemente a nosa compañeira Olga ofreceu un concerto na cidade de Granada  formando parte do trío Capriccio vocale, xunto co barítono   Fernando Enseñat e o pianista Julián Jesús Pérez.

 O concerto, cun repertorio  que incluía cancións populares españolas e fragmentos de zarzuelas, emocionou a todo o público asistente. A prensa do día seguinte comentou a "excelente calidade dos artistas e o acerto nas interpretacións baseadas en suaves matices".
 Dende alí nos chegan estas imaxes e as súas marabillosas voces.

 Parabéns Olga, é sempre un pracer escoitarte!



 


luns, 26 de maio de 2014

HUMOR INTELIXENTE E MÚSICA


Joaquín Salvador Lavado Tejón, máis coñecido como QUINO  pensador, humorista gráfico arxentino  acaba de ser recoñecido co Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades.
Quino é o creador de Mafalda, unha tira de prensa na que a protagonista é unha nena que se amosa preocupada pola humanidade e a paz mundial.  

Mafalda é unha nena idealista e utópica  que reflexiona e critica o mundo no que vive. En moitas das viñetas Quino pon banda sonora aos seus pensamentos: Mafalda ama aos Beatles do mesmo xeito que detesta a sopa. 




Podes atopar outras imaxes de Quino relacionadas coa música no blogue 

venres, 23 de maio de 2014

LETRAS GALEGAS 2014

O segundo ciclo de primaria celebrou o día das Letras Galegas dun xeito moi musical.
O alumnado de 3º C recitounos un contiño moi primaveral sonorizado por eles mesmos cos instrumentos da aula de música.
Rematamos o acto coa cantiga sobre o autor homenaxeado, Díaz Castro, proposta polos alumnos e alumnas do  IES  Díaz Castro de Guitiriz.


ODAIKO no Castelao

Hoxe recibimos a visita no cole de catro excelentes percusionistas, o grupo ODAIKO
A través dos seus instrumentos de percusión relatáronnos unha historia moi divertida e chea de ritmos.



martes, 13 de maio de 2014

OS MAIOS DO CASTELAO

 Os  MAIOS do Castelao


Para facer este maio tivemos que ir roubar
o fiuncho e mais as flores para podelo adornar.

Para facer este maio cociñou a nosa nai
moitos ovos e tortillas para podelo adornar.

Para facer este maio  veu Manolo a cravar
catro paus e unha rede para podelo adornar.

¡Pobres dos xardíns, dos montes e prados
quedaron sen nada por onde pasamos!



LUTHIERS DO CASTELAO 2014

O alumnado de 5º de Educación Primaria converteuse en Luthier  fabricando instrumentos musicais realizados con materiais reciclados.  Na aula de música explicaron como o construíron, os materiais empregados, demostraron como soa a súa creación e ata se atreveron a interpretar  algunha peza instrumental .

  ¡Parabéns a todos os luthiers polo seu traballo e tamén a todas as familias que colaboraron!


















luns, 12 de maio de 2014

Semana das letras galegas

Este ano a Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas a  Xosé María Díaz Castro  pola defensa e uso que fixo da nosa lingua.

É autor dun único libro de poemas en lingua galega,«Nimbos», editado no ano 1961 e no que amosa a súa preocupación por Galicia e polos problemas de todo ser humano, a vida, a morte e o paso do tempo.

Algúns destes poemas están  interpretados por grandes músicos galegos.

"Penélope"  interpretado por Fuxan os ventos


"Penélope"  interpretado por A quenlla


E agora escoitemos " Esa lus", unha canción creada dende o IES Poeta Díaz Castro para conmemorar o ano do autor dos Vilares,  empregando unha melodía moi coñecida para musicar os seus versos e traxectoria vital.



luns, 28 de abril de 2014

OS MAIOS

  “A Festa dos maios é a festa da primavera, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Significa
 o  reverdecer das plantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do 
       horizonte  e coller altura e forza “(Vicente Risco)

    A festa dos Maios é unha festa popular de orixes ancestrais, incluso dátase o seu nacemento na prehistoria cando os primeiros homes se preguntaban sobre esa forza renovadora que cada ano , tras a época das chuvias e o frío, facía brotar a semente e revestía os campos de variadas cores.
   As civilización grega, fenicia, celta e romana festexaron “os maios” con diferentes rituais que foron asimilados na Idade Media polas civilizacións cristiás.
  O   ciclo dos maios  comeza  na segunda metade do mes de abril e remata na primeira quincena de xuño, coa celebración relixiosa do Corpus.
Dende  épocas remotas, os galegos celebraban  coa festa dos maios a  chegada da primavera e o remate do cru inverno para  propiciar deste xeito a obtención de boas colleitas. Nos tempos actuais, as festas dos maios son a última manifestación folclórica que festexa en Galicia o final do inverno.  Nalgunhas vilas mozos e mozas vístense  con ramallos, follas e flores e cantan cantigas satíricas polas rúas das vilas. Noutras zonas colócanse  ramas de xestas e fiuncho  nas portas e fiestras das casas e tamén nos coches e fanse coroas e colares de flores.  Os maios máis coñecidos son os figurativos, entre os que dominan os de forma cónica ou piramidal, feitos con armazóns de varas ou canas, recubertos con plantas e decorados con laranxas bravas, flores e ovos.




Parte importante dos maios son as cantigas,  tradicionais ou novas, que se cantan ao seu arredor acompañadas polos ritmos feitos con dous paus curtos. Estas  coplas  están formadas por versos de catro estrofas con estrutura de romance  que fan alusións á ledicia pola chegada da primavera e o rexurdir da vida, ao traballo realizado na elaboración do maio ou a críticas sobre personaxes populares.

ESTRELA DE MAIO  (Na lúa)

AÍ VÉN O MAIO
( Poema de Curros Enriquez musicado por Luís Emilio Batallán)

MAIO LONGO
 (poema de Rosalía de Castro  na versión musical de Carlos Núñez)

A Festa dos Maios no CEIP Campolongo de Pontevedra





martes, 1 de abril de 2014

Clarinetistas na aula

A pasada semana dous alumnos de 3º curso, Arantxa Ferreiro e Sergio Manteiga,  trouxeron o seu clarinete á aula de música. Ensináronnos o  instrumento, escoitamos o seu son e  as interpretacións musicais que estes novos pero grandes artistas do Castelao nos regalaron. Noraboa  aos dous músicos e agardamos que sigan traballando coa música para ofrecernos novos concertos.

martes, 25 de marzo de 2014

Melodías para a frauta

TE DEUM

Marc-Antoine Charpentier (1643 - 1704) foi un compositor do Barroco francés.

Foi un compositor prolífico e versátil, producindo música da máis alta calidade en distintos xéneros. A mestría da súa composición na música relixiosa vocal foi recoñecida polos seus contemporáneos.

Curiosamente, chegou ao gran público do século XX a través do "Te Deum"  , un rondó, que serviu de cabeceira ou sintonía para os programas televisivos distribuídos a través da rede de Eurovisión e especialmente coñecido por ser precisamente a apertura do Festival de Eurovisión.




IN DULCI JUBILO

In dulci jubilo é unha versión instrumental dunha  tradicional canción navideña do século XIV  grabada polo  músico  Mike Oldfield en 1975.
Mike Oldfield naceu  en  1953 en Reading, nas aforas de Londres. Con apenas dez anos xa compoñía os seus propios temas acústicos e con quince años, xunto á súa irmá Sally, forma un grupo  co que grabaría un álbum.
Despois de publicar varios discos con grupo "Kevin Ayers & The Whole World" comezou a traballar no seu proxecto"Tubular Bells" co que conseguiu  un grande éxito en 1973 .
A partires dese intre compuxo e grabou diferentes traballos que o convertiron nun dos grandes músicos de pop-rok a nivel internacional.

Escoitade IN DULCI JUBILO interpretada polo multiinstrumentista Mike Oldfield 





mércores, 26 de febreiro de 2014

Paco de Lucía

Hoxe finou Paco de Lucía, un dos grandes mestres  da guitarra española en todo o mundo.
As súas primeiras clases de música recibiunas das mans dos seus pais, moi vinculados ao mundo do flamenco e con so catorce anos gravou o seu primeiro disco.
A maior parte da súa carreira musical virou arredor do flamenco aínda que tamén fixo incursións na música clásica, no  jazz e na música pop, colaborando con grandes artistas tanto nacionais coma internacionais.

Pola súa mestría  e estilo persoal coa guitarra,  logrou o respecto de guitarristas  e músicos de diferentes estilos e recibiu innumerables premios e recoñecementos en todo o mundo.

martes, 25 de febreiro de 2014

A muller e a música


Un estupendo traballo do CEIP Valdelagrana asinado por Mercedes Machuca fai unha homenaxe a todas aquelas mulleres que tiveron ou teñen un papel importante dentro da historia da música.










venres, 21 de febreiro de 2014

Preparando o 8 de marzo

O 8 de marzo celébrase o día da muller. 
Non son moitas as mulleres que ao longo da historia da música tiveron un papel relevante como compositoras, mais  a figura da muller aparece vinculada á música dende  os primeiros tempos. Son numerosísimas as esculturas, pinturas e gravados que nos amosan mulleres interpretando música con instrumentos ou ben a través da danza e do canto.

 Para celebrar o 8 de marzo na aula de  música propóñovos un pequeno traballo de investigación sobre mulleres que hoxe en día teñen un importante papel na nosa música como intérpretes ou  compositoras,  tanto no campo da música  tradicional coma na música moderna.


Para ir adiantando déixovos unha fermosa canción de Sés e animo aos Guitarristas do Castelao a que a interpreten coas súas guitarras na clase.
     




Tamén quero que escoitedes ás cantareiras e pandereteiras do Castelao que levan tempo traballando a música tradicional na Asociación Camiño Real de Poulo.



E agora, cambiando de estilo musical, escoitemos a Olga Raíces, que ademais de ser amiga e compañeira da nosa escola é unha das mellores sopranos da nosa Terra.