mércores, 14 de xuño de 2017

Máis artistas no Castelao

Hoxe tivemos un encontro musical moi bonito na Aula de Música:  visitáronnos dous gaiteiros da Asociación Cultural Veciños de Leira. Servando, o profesor de gaita da asociación, e Antonio, gaiteiro e avó dun dos nosos alumnos, trouxeron ata a clase de música os instrumentos principais da nosa música tradicional e interpretaron varias pezas. Estiveron acompañados por Rodrigo, alumno de 4º que tocou o tamboril e tres estupendas pandereteiras de primeiro:Daniela, Lucía e Nuria.
Como bos músicos o primeiro que fixeron foi afinar os instrumentos e deixalos listos para dar comezo ao concerto.


Cando o público entrou na clase,  Antonio explicounos como é unha gaita, as partes que ten, como se enche o fol de aire, onde se coloca a palleta e como soan o roncón e o punteiro.
Despois tocoulle a Rodrigo falarnos do tamboril e do bombo.



E dou comezo o concerto cunha popular muiñeira.





Interpretaron un pasodoble, unha xota e cantamos con eles A saia da Carolina e Na beira do mar.




Despois de tanta festa remataron o recital con outra muiñeira que animou  a Jose, un alumno do público, a facerse cargo do bombo e a dúas rapazas a bailar con moito xeito.





 Gustounos moito o concerto!

 Dámoslle os parabéns aos artistas do Castelao polo ben que o fixeron.

  

  
 Agradecemos a Servando e a Antonio a súa boa disposición e colaboración para achegar a nosa música tradicional aos rapaces e rapazas da nosa escola. Esperamos volver a escoitalos e velos no vindeiro curso.