luns, 2 de xuño de 2014

MÚSICOS NA AULA: Sergio e o trombón



O trombón é un instrumento musical aerófono da familia do vento metal. O son prodúcese grazas á vibración dos beizos do  intérprete na boquilla a partires da columna de aire. 
As diferentes notas obtéñense polo movemento dun tubo móbil, chamado vara, alongando a distancia que o aire en vibración debe percorrer, producindo deste xeito sons que tamén se poden controlar cunha maior ou menor presión  do aire soprado polo intérprete na vara: canto máis se alonga  a columna de aire máis grave é o son. 
De igual xeito que case todos os instrumentos da familia do vento metal, o trombón é de latón e consiste nun tubo cilíndrico e aberto enrolado sobre si mesmo. A vara (corrediza) pode ocupar sete posicións diferentes: para cada posición corresponde unha serie de notas.  

O trombón de varas ten tres partes principais: 
Boquilla ou embocadura: peza pequena que se adapta ao tubo do trombón para que o intérprete sopre: os beizos  apóianse nos bordes, vibran e producen o son.
Pavillón: ensanchamento do tubo.
Vara: ten forma de U e móvese en sete diferentes posicións con distinta lonxitude. As varas do trombón non permiten grandes velocidades cando se toca, pero é un instrumento perfecto para interpretar glissandos.


Hoxe Sergio  Manteiga  trouxo o  trombón á clase de música. Presentounos o seu instrumento explicándonos cada unha das partes que o forman e interpretou dúas obras musicais para que escoitáramos o son do trombón en directo.

 Parabéns Sergio, pola interpretación  musical na clase de hoxe e moitas grazas  pola túa achega á clase de música.

 Nos seguintes enlaces podemos escoitar a Segio na audición da aula de música e tamén na que recientemente tivo no Conservatorio de Santiago