mércores, 25 de abril de 2018

Danzando coa nosa música

Hoxe recibimos a visita de Patricia e Elena Noya Ruibal, dúas veciñas de Ordes, que  ofreceron aos alumnos e alumnas de 5º nivel  un estupendo obradoiro sobre o traxe e a danza tradicional. 
 Comezamos a sesión cunha explicación moi detallada sobre as diferentes pezas que conforman os traxes tradicionais galegos, tanto de home coma de muller.  Non faltaron detalles e anécdotas sobre cando e como colocar os panos, faixas, xustillos... segundo fose o traxe de gala ou de traballo.
Dous compañeiros prestáronse para lucir as vestimentas propias da comarca de Ordes e como podedes ver o resultado foi moi xeitoso.

Patricia foinos explicando o traxe peza a peza:
           






















Despois Martín e Alba actuaron como modelos e vestiron as roupas que trouxeron as profes.



 
  






Elena aprendeunos  uns puntos de muiñeira básicos:



                       






E rematamos a sesión bailando.


Moitas grazas  Patricia e Elena polo voso traballo. Aprendemos moito.

luns, 16 de abril de 2018

Un bosque musical familiar en galego

Igual que en cursos anteriores, os rapaces e rapazas de 5º elaboraron unha árbore xenealóxica musical pero esta vez incidindo na música galega.

Durantes as festas do Nadal, aproveitaron as reunións familiares para facer de reporteiros e entrevistar a pais, irmás, avós... recollendo  información sobre as cantigas populares, cantos de xogos,de botar a sortes... que lembraban da súa infancia e xuventude, así como os nomes de cantantes, grupos, bandas e instrumentistas galegos que coñecían e dos que gustaban escoitar música.

Cos datos recollidos realizaron unha representación gráfica da súa árbore xenealóxica que expuxeron na aula de música, acompañada, en moitos casos, de audicións destes intérpretes.

Fai clik na imaxe ou no título e poderás ver algunhas destas árbores que formaron o bosque musical deste curso.



mércores, 4 de abril de 2018

Os músicos nos visitan

O alumnado de 5º curso asistimos hoxe a un concerto de música tradicional na aula de Música do noso centro. 
Despois da charla que nos ofreceu Suso Gestal sobre os instrumentos que elabora e repara no seu taller de Abellá, escoitamos o son da zanfona nas súas mans e un recital de música tradicional interpretado polos gaiteiros Servando e Antonio, que xa nos visitaron o curso pasado, acompañados por alumnos do centro: Rodrigo que tocou o tamboril e Nuria, Lucía e Daniela que acompañaron todas as pezas coa pandeireta.

Agradecemos a Suso Gestal toda a información que nos dou e a Servando e Antonio a disposición que sempre teñen para vir ao Castelao e mostrarnos o seu bo facer pola música tradicional.

Como non pode ser doutro xeito, tamén agradecemos a  Rodrigo, Nuria, Daniela e Lucía a súa participación na audición e dun xeito especial á profe Patricia, titora de 2ºB, que nos puxo en contacto con estes grandes músicos e colaborou para poder realizar esta actividade.
Déixovos unhas fotos da actuación.
 






luns, 2 de abril de 2018

De profesión... Luthier: Suso Gestal

Un ano máis os rapaces e rapazas de 5º están poñendo en marcha toda a súa creatividade para fabricar instrumentos musicais con materiais de reciclaxe. 
Seguindo a temática proposta polo equipo de Biblioteca para o alumnado de 5º curso, " A Música en Galicia", neste trimestre presentarán os seus instrumentos interpretando música galega, de autores e grupos galegos de todos os xéneros. 

Para ilustrarnos un pouco máis sobre o traballo de luthier contaremos coa visita de Suso Gestal, un luthier veciño que no seu obradoiro de Abellá en Frades constrúe e repara instrumentos de vento.

Suso contaranos como desenvolve o seu traballo e virá acompañado de dous gaiteiros xa coñecidos por todos nós, Servando e Antonio que nos interpretarán unhas pezas tradicionais.
Agardamos ilusionados a súa visita.  
Déixovos un pequeno vídeo onde podedes ver como traballa co torno Suso Gestal.

domingo, 18 de marzo de 2018

Tres notas para unha muiñeira

Estas dúas últimas semanas escoitaríades falar dunha serie de televisión baseada en acontecementos sucedidos en Galica hai algúns anos: Fariña.
Este relato televisivo está rodado en Galicia,  a gran maioría das actrices e actores que lle dan vida aos personaxes son galegos e, como non, a música da serie tamén é galega. 
Aínda que non é un programa para o público infantil as pezas e cantigas que aparecen nela están a soar  nos medios con moita forza.
O artista Iván Ferreiro foi o encargado de facer a canción da cabeceira da serie, unha muiñeira moi pegadiza con so tres notas que imos tocar na clase. 

Clica no enlace ao blog  A arca da Marga e poderás ver a partitura.

domingo, 4 de marzo de 2018

Silenciadas

Comezamos o mes de marzo, mes en que traballamos a semana da prensa, a chegada da primavera e o Día da Muller.

Nos derradeiros cursos escoitamos  a mulleres no mundo da música como cantantes ou instrumentistas mais, a  cantas delas coñecemos como compositoras na Historia da Música?


Déixovos un enlace no blog da compañeira Marga Sampaio para achegarnos á obra destas mulleres silenciadas.

luns, 30 de outubro de 2017

Imos á ópera

O alumnado de terceiro acudiu ao Auditorio de Galicia para escoitar e ver unha adaptación da ópera de Rossini Guillermo Tell a cargo da compañía La Baldufa.

O espectáculo  contou con catro cantantes, dous actores e tres músicos que interpretaron una versión reducida da partitura orixinal para frauta traveseira, trompa e piano. Un amplo abanico de recursos como sombras chinesas, marionetas, obxectos, proxeccións e animacións audiovisuais fixéronnos disfrutar dun emocionante e divertido espectáculo.  







O argumento   xira arredor da  Lenda de Guillermo Tell, quen coa súa valentía e destreza como arqueiro, logra liberar ao pobo dos abusos do gobernador da comarca, non sen antes enfrontarse a duras aventuras e probas. A peor delas: acertar cunha fecha o corazón dunha mazá colocada sobre a cabeza do seu fillo. 





Podes escoitar a famosa overtura da ópera nos seguintes vídeos:






mércores, 18 de outubro de 2017

Chegou o outono

Chegou o outono, tempo de castañas... e un ano máis preparamos o magosto na escola cunha cantiga de Susa Herrera que reflexa moi ben como celebramos esta festa.
                                                 
Este outono chegou á nosa Terra non so cheiño de castañas, noces e bo tempo, tamén trouxo malas novas para as nosas xentes, para as nosas vilas  e para os nosos bosques: incendios.
Déixovos un enlace ao blog "A arca da Marga" coa historia e as músicas que traballamos na clase esta semana.
Manto de cinza para un paxaro de pedra










mércores, 14 de xuño de 2017

Máis artistas no Castelao

Hoxe tivemos un encontro musical moi bonito na Aula de Música:  visitáronnos dous gaiteiros da Asociación Cultural Veciños de Leira. Servando, o profesor de gaita da asociación, e Antonio, gaiteiro e avó dun dos nosos alumnos, trouxeron ata a clase de música os instrumentos principais da nosa música tradicional e interpretaron varias pezas. Estiveron acompañados por Rodrigo, alumno de 4º que tocou o tamboril e tres estupendas pandereteiras de primeiro:Daniela, Lucía e Nuria.
Como bos músicos o primeiro que fixeron foi afinar os instrumentos e deixalos listos para dar comezo ao concerto.


Cando o público entrou na clase,  Antonio explicounos como é unha gaita, as partes que ten, como se enche o fol de aire, onde se coloca a palleta e como soan o roncón e o punteiro.
Despois tocoulle a Rodrigo falarnos do tamboril e do bombo.



E dou comezo o concerto cunha popular muiñeira.





Interpretaron un pasodoble, unha xota e cantamos con eles A saia da Carolina e Na beira do mar.




Despois de tanta festa remataron o recital con outra muiñeira que animou  a Jose, un alumno do público, a facerse cargo do bombo e a dúas rapazas a bailar con moito xeito.





 Gustounos moito o concerto!

 Dámoslle os parabéns aos artistas do Castelao polo ben que o fixeron.

  

  
 Agradecemos a Servando e a Antonio a súa boa disposición e colaboración para achegar a nosa música tradicional aos rapaces e rapazas da nosa escola. Esperamos volver a escoitalos e velos no vindeiro curso.