luns, 7 de marzo de 2016

Mulleres da música: Clara Rockmore e Minna Keal



O 9 de marzo celébrase o aniversario de Clara Rocmore, nena prodixio da música. Unha enfermidade nos ósos a incapacitou como violinista mais en lugar de esquecer a música adicouse ao estudo e interpretación dun instrumento moi especial, o theremin, instrumento electrónico que se toca sen tocalo e co que esta intérprete pasou a ser coñecida como a percusora da música electrónica.

Léon Theremin, creador do instrumento coñeceu a Clara cando ela tan so tiña 18 anos.  O ideólogo do theremin doulle a Clara Rockmore a oportunidade de interactuar co instrumento e ela comezou a tocalo de xeito que parecía que non fixera outra cousa na súa corta vida. A pesares de ser un dos instrumentos máis difíciles de tocar xa que non ten referencias nas que afinalo, Clara Rockmore logrou dominalo á perfección e abrir camiño para convertelo no pioneiro da música moderna.
No seguinte enlace podemos escoitar a interpretación de Clara Rockmore  co theremin  "O cisne" da obra "O entroido dos animais" do compositor Camille Saint-Säens

Tivemos a sorte de poder experimentar con este particular instrumento hai dous cursos na aula de música, cando o profe Óscar nos presentou  o seu theremin e o puxo nas nosas mans.

 Practica co theremin

Practica co theremin de google


Con motivo da celebración do 8 de marzo son moitos os artigos e entrevistas que aparecen na prensa sobre mulleres que tiveron ou teñen interese e relevancia no mundo científico, literario, artístico ou empresarial. Pero en  algún destes artigos tamén se fai referencia a outras mulleres, "mulleres aventureiras, valentes, ousadas, con visión de futuro, dun futuro que, posiblemente, nin sequera chegaron a albiscar".

Entre estas mulleres está  Minna Keal, unha  muller inglesa que estudou música de nena pero pasou a súa vida traballando coma secretaria.  Cando se xubilou con máis de 70 anos  lembrou o moito que gustaba de facer música cando era nena e volveu a sentarse ao piano comezando unha brillante carreira como compositora, carreira que desenvolveu ata que finou con 93 anos. «Sentía que chegaba ao fin da miña vida, pero tamén me sentía como se estivese empezando, como se vivise a miña vida ao revés»

Podedes escoitar neste enlace a Balada en Fa menor para viola e piano da compositora.