mércores, 22 de abril de 2015

Preparando a visita dos "Arcos Iris"



IMOS  AO  CONCERTO 

  • Sabes que vas ir a un concerto de música. ¡Aprovéitao! 
  • Intentaremos chegar ao auditorio cuns minutiños de adianto sobre a hora do concerto. Este tempo faranos falta para ocupar a nosa butaca e, tal vez, atender algún imprevisto. 
  • Levanta a vista ao teu arredor. O lugar onde se celebra o concerto é moi especial: a decoración, a comodidade, a amplitude… 
  • Escoita. Esta palabra é de suma importancia. Sabes que non só basta con oír, hai que prestar a maior atención para conseguir unha boa escoita. 
  • Notarás tamén que en moitos momentos sentimos a música dentro do corpo a través das vibracións. Recoñeces visualmente os instrumentos? 
  • Concéntrate no papel que xogas como público nun concerto. Os músicos son os encargados de interpretar, ás veces coa axuda do director, as ideas escritas polo compositor. 
  • Outras veces interpretan as ideas musicais mediante danzas, xogos de ritmo e variadas escenografías con decorados e vestimentas que nos axudan a entender moito mellor todo o que pretenden expresar coa música. 
  • O presentador axudarache a entender o que vai acontecendo e incluso pode invitarte a participar no espectáculo. Ti xa sabes o que tes que facer: prestar en todo momento a maior atención. 
  • Intenta disfrutar ao máximo do último son interpretado polos músicos ao final de cada obra. Domina os impulsos que te levan a aplaudir sobre a música. Toma un tempo de reflexión, e despois, se che parece ben, aplaude. 
  • Ordena e analiza toda a información recibida e as experiencias vividas durante o concerto: a atención, o silencio... Non é certo que merece a pena? ¡Claro que si!


BOLERO......Maurice Ravel


Comezamos cunha obra de Maurice Ravel, compositor francés que en 1928 decidiu crear un ballet experimental: un ballet para orquestra que tan so empregaría un tema e un contratema repetidos e no que o único elemento de variación sería o efecto dun inmenso crescendo que a orquestra realizaría ao longo de toda a obra.
Ravel definiu o seu bolero deste xeito:


 "É unha danza nun movemento moi moderado e constantemente uniforme tanto pola melodía como pola harmonía e o ritmo, este último marcado sen cesar polo tambor. O único elemento de diversidade é aportado polo crescendo orquestral."

Dende o comezo da obra, dende os primeiros compases escoitaremos o ostinato sobre o que se vai soster toda a obra: dous compases, practicamente idénticos que de xeito obsesivo repite a caixa acompañándonos ata o final da partitura..
   
                             



O director Iván Maksimov preséntanos outra versión do Bolero




PIZZICATO POLKA... Josef e Johann Strauss.

 Durante a segunda metade do século XiX, cunha Europa inmersa nun mar de conflitos políticos e problemas de sucesións dinásticas, florece a familia Strauss enchendo o ambiente de aire fresco, cor e ledicia coas súas fermosas composicións musicais que invitan ao baile. Non hai salón onde non se escoiten e bailen as obras de Johann Strauss pai e dos seus fillos Johann, Josef e Eduard.
  "Pizzicato Polka" é unha obra composta polos irmáns Johann e Josef Strauss en 1869. A polka é unha danza folclórica dos países centroeuropeos que se transformou en baile de salón a principios do século XIX. É un baile saltarín e cheo de vitalidade escrito en compás de 2/4. A peculiaridade da composición dos irmáns Strauss está en que os instrumentos de corda fretada executan  esta obra en pizzicato, é dicir, non empregan o arco senón que beliscan as cordas cos dedos para facelas vibrar o que provoca un son diferente, máis divertido, xoguetón, menos severo... É habitual escoitar o pizzicato no contrabaixo cando interpreta jazz mais non o é tanto nos demais instrumentos da familia. 




O DANUBIO AZUL....Johann Strauss II

  O vals é una danza elegante, en compás de ¾, orixinaria do Tirol (Austria) que conquistou o seu rango de nobreza en Viena a finais do século XVIII estendéndose rapidamente a outros países. O Danubio azul, composto en 1867 é o vals máis popular entre os máis de catrocentos que compuxo J. Strauss.  Foi unha obra composta por encargo que celebra a incomparable beleza do larguísimo río Danubio que cruza dez países e importantes cidades europeas. Os vieneses considérano como un segundo himno nacional, é moi tradicional bailalo nas vodas  e é un dos “bises” indiscutibles no Concerto de Ano Novo. 
  O famoso cineasta Stanley KubricK empregou esta fermosa composición como banda sonora da súa película "2001, Odisea no espazo"



  Déixovos agora unha versión do Gran Wakkorotti, que interpreta as súas obras dun xeito moi particular.

  Que podemos dicir da versión que fai este peculiar coro dirixido por Gonzo dos Muppets ?






MARCHA RADETZKY......Johann Strauss



Escoitamos agora unha obra composta por Johann Strauss (pai) en 1848, realizada en honor do mariscal austríaco Joseph W. Radetzky, vitorioso en numerosas batallas.

Actualmente, a Marcha Radetzky debe a súa popularidade a que é a peza coa que remata o Concerto de Ano Novo de Viena. Durante esta última obra, a audiencia aplaude o compás e o director vira para dirixir ao público en lugar de facelo á orquestra.





PEQUENA SERENATA NOCTURNA ....  Mozart


A serenata é unha composición musical en forma de divertimento que alcanzou unha gran popularidade no século XVIII. A serenata interpretábase pola tarde, ao anoitecer, moitas veces ao aire libre facendo as delicias das veladas nos xardíns dos pazos da aristocracia. A súa orixe está nas baladas que os namorados cantaban fronte ás ventás da súa amada ao anoitecer.

A serenata nº 13 para cordas en sol maior é unha das composicións máis populares de Wolfgang Amadeus Mozart, datada en Viena en 1787.


Escoitaremos o primeiro movemento nun aire Allegro.


MINUETO.... Boccherini
O minueto, ou minue, é unha antiga danza barroca orixinaria de Francia. Debe o seu nome a os "pasos diminutos" cos que se baila esta lenta e ceremoniosa danza.
Luigi Boccerini, violonchelista e compositor italiano afincado en España compuxo este célebre minueto para un quinteto de corda.


CZARDAS........ V. Monti
As czardas son danzas húngaras con ritmos e melodías procedentes dos bailes interpretados polas orquestras de cíngaros. O seu ritmo suele ser binario e cun movemento moi vivo precedido sempre por unha introdución  moi lenta e patética.
Escotamos a Czarda de Vittorio Monti, violinista, compositor e director de orquestra italiano.
Queres escoitar esta música na guitarra do gran Paco de Lucía?

DROWSY MAGGIE..Tradicional irlandesa



Remataremos o concerto con música tradicional de Irlanda, onde non faltan os violíns para marcar os pasos de baile do reel.


Queres ver como se baila este reel?



xoves, 16 de abril de 2015

IMOS AO CONCERTO!!!

O próximo día 7 de maio asistiremos na Casa da Cultura ao concerto musical Efecto Arcos Iris.
O grupo Arcos Iris xa nos visitou hai dous anos  e volverán ofrecernos un paseo pola música de diferentes épocas e estilos da man dos seus instrumentos de corda fretada.


Fagamos un breve repaso sobre os instrumentos que imos ver e escoitar no concerto.