mércores, 25 de abril de 2018

Danzando coa nosa música

Hoxe recibimos a visita de Patricia e Elena Noya Ruibal, dúas veciñas de Ordes, que  ofreceron aos alumnos e alumnas de 5º nivel  un estupendo obradoiro sobre o traxe e a danza tradicional. 
 Comezamos a sesión cunha explicación moi detallada sobre as diferentes pezas que conforman os traxes tradicionais galegos, tanto de home coma de muller.  Non faltaron detalles e anécdotas sobre cando e como colocar os panos, faixas, xustillos... segundo fose o traxe de gala ou de traballo.
Dous compañeiros prestáronse para lucir as vestimentas propias da comarca de Ordes e como podedes ver o resultado foi moi xeitoso.

Patricia foinos explicando o traxe peza a peza:
           






















Despois Martín e Alba actuaron como modelos e vestiron as roupas que trouxeron as profes.



 
  






Elena aprendeunos  uns puntos de muiñeira básicos:



                       






E rematamos a sesión bailando.


Moitas grazas  Patricia e Elena polo voso traballo. Aprendemos moito.

luns, 16 de abril de 2018

Un bosque musical familiar en galego

Igual que en cursos anteriores, os rapaces e rapazas de 5º elaboraron unha árbore xenealóxica musical pero esta vez incidindo na música galega.

Durantes as festas do Nadal, aproveitaron as reunións familiares para facer de reporteiros e entrevistar a pais, irmás, avós... recollendo  información sobre as cantigas populares, cantos de xogos,de botar a sortes... que lembraban da súa infancia e xuventude, así como os nomes de cantantes, grupos, bandas e instrumentistas galegos que coñecían e dos que gustaban escoitar música.

Cos datos recollidos realizaron unha representación gráfica da súa árbore xenealóxica que expuxeron na aula de música, acompañada, en moitos casos, de audicións destes intérpretes.

Fai clik na imaxe ou no título e poderás ver algunhas destas árbores que formaron o bosque musical deste curso.



mércores, 4 de abril de 2018

Os músicos nos visitan

O alumnado de 5º curso asistimos hoxe a un concerto de música tradicional na aula de Música do noso centro. 
Despois da charla que nos ofreceu Suso Gestal sobre os instrumentos que elabora e repara no seu taller de Abellá, escoitamos o son da zanfona nas súas mans e un recital de música tradicional interpretado polos gaiteiros Servando e Antonio, que xa nos visitaron o curso pasado, acompañados por alumnos do centro: Rodrigo que tocou o tamboril e Nuria, Lucía e Daniela que acompañaron todas as pezas coa pandeireta.

Agradecemos a Suso Gestal toda a información que nos dou e a Servando e Antonio a disposición que sempre teñen para vir ao Castelao e mostrarnos o seu bo facer pola música tradicional.

Como non pode ser doutro xeito, tamén agradecemos a  Rodrigo, Nuria, Daniela e Lucía a súa participación na audición e dun xeito especial á profe Patricia, titora de 2ºB, que nos puxo en contacto con estes grandes músicos e colaborou para poder realizar esta actividade.
Déixovos unhas fotos da actuación.
 






luns, 2 de abril de 2018

De profesión... Luthier: Suso Gestal

Un ano máis os rapaces e rapazas de 5º están poñendo en marcha toda a súa creatividade para fabricar instrumentos musicais con materiais de reciclaxe. 
Seguindo a temática proposta polo equipo de Biblioteca para o alumnado de 5º curso, " A Música en Galicia", neste trimestre presentarán os seus instrumentos interpretando música galega, de autores e grupos galegos de todos os xéneros. 

Para ilustrarnos un pouco máis sobre o traballo de luthier contaremos coa visita de Suso Gestal, un luthier veciño que no seu obradoiro de Abellá en Frades constrúe e repara instrumentos de vento.

Suso contaranos como desenvolve o seu traballo e virá acompañado de dous gaiteiros xa coñecidos por todos nós, Servando e Antonio que nos interpretarán unhas pezas tradicionais.
Agardamos ilusionados a súa visita.  
Déixovos un pequeno vídeo onde podedes ver como traballa co torno Suso Gestal.