domingo, 19 de febreiro de 2017

Imos ao concerto coa Banda de Ordes

A Banda de música é unha agrupación musical formada basicamente por instrumentos de vento e percusión. A sonoridade forte destes instrumentos e o feito de que os músicos podan desfilar mentres tocan,  fan da banda unha agrupación ideal para tocar ao aire libre e acompañar desfiles e pasacalles. 















En textos da época dos exipcios, chinos e outras civilizacións antigas atopamos referencias a agrupacións de instrumentos de vento e percusión que servían para acompañar aos cultos relixiosos ou aos soldados nos combates.
Hoxe en día atopamos diversos tipos de bandas con funcións diferentes:

Bandas sinfónicas: a súa principal función é a realización de concertos en espazos pechados ou ao aire libre. Estas bandas poden contar con instrumentos de corda e teñen un repertorio moi amplo.

Banda de música de Ordes; ensaio da obra "Os miserables"
Banda de música de Ordes interpretando "Amparito Roca"

Bandas militares: a súa función principal é acompañar eventos militares coma desfiles ou actos oficiais. Nestas bandas non hai instrumentos de corda pero poden contar con outros instrumentos como as gaitas.

Bandas procesionais: a súa función principal é a de acompañar as procesións relixiosas. Moitas delas están formadas  so por cornetas e tambores.

Bandas de jazz: a súa función é puramente musical e de entretemento. Nestas bandas os músicos improvisan en solitario dentro dunha base musical rítmica e harmónica.

Mención importante merecen as bandas ou rondallas de gaitas que cada vez son máis numerosas e populares na nosa comunidade. As gaitas, tamborís e bombos  van acompañados doutros intrumentos da nosa música tradicional coma as pandeiretas, charrascos e cunchas.


Entre os anos 1931 e 1934 houbo en Ordes unha banda de músicos que ensaiaba no antigo matadoiro e actuou por primeira vez o 14 de agosto de 1932 nas festas patronais. Ata a súa desaparición en 1934 actuaron por diferentes localidades da provincia e amenizaron as festas de moitas vilas interpretando dianas, pasodobres, muiñeiras, xotas...
Antiga banda de Ordes


OS INSTRUMENTOS DA BANDA

VENTO METAL

 Os instrumentos de vento metal están formados por un tubo de metal, que pode ser recto ou estar domeado, unha campá para amplificar o son e unha boquilla. Na banda podemos ver e escoitar trompetas, trompas, tubas, trombóns e bombardinos. 
VENTO MADEIRA
Os instrumentos de vento madeira soen tocar na banda as melodías máis agudas Neste grupo temos as frautas clarinetes, oboes, fagots e saxofóns. Moitos de vós pensades que o saxo é un instrumento de metal polo material de que está feito, pero o que fai sonar o saxofón é unha caña de madeira que vai unida á boquilla e vibra ao entrar en contacto coa columna de aire do músico. Din que o seu creador, que era clarinetista, quixo construír un instrumento que tivese a forza dos metais e as calidades acústicas dos instrumentos de vento madeira, e, despois de moitas probas e experimentos modificando o clarinete buscando máis sonoridade, decatouse que tiña nas mans un novo instrumento: 
o saxofón.


A PERCUSIÓN
Os instrumentos de percusión son aqueles que facemos sonar golpeándoos coas mans ou con baquetas. Os máis comúns na banda son os pratos, as caixas e o bombo. 


 Non esquecemos ao director da banda. 
Toda banda ten un gran director que guía aos músicos nos ensaios, organiza o programa musical, dirixe á banda nos concertos e fai que mellore a sonoridade da banda día a dia. 





Seguro que disfrutamos moitísimo no concerto que nos vai a ofrecer a Banda de Ordes tendo en conta que algúns dos seus compoñentes foron ou aínda son alumnos do Castealo.


Para que todos vós podades participar dalgún xeito nunha interpretación musical cos instrumentos da banda, déixovos este enlace de Aude Picault. Clicando en cada un dos instrumentos desta fanfarria  escoitaredes como soan e podedes combinalos como queirades.   A TOCAR!