venres, 11 de maio de 2018

Luthiers de 5º 2018

O alumnado de 5º nivel realizou un traballo de luthier durante o terceiro trimestre. 
No mes de abril recibimos na clase a visita dun luthier da comarca, Suso Gestal, que complementou a visita do luthier de Ordes, Manel, sobre a construción de instrumentos musicais da cultura tradicional galega.
Durante varias semanas nenos e nenas recompilaron información sobre o instrumento que querían facer ao tempo que gardaban e recollían materiais de desfeito que lles podían servir para construilo. 
 Na aula de Música cada un dos alumnos e alumnas fixeron unha exposición do seu traballo, que se valorou tendo en conta a estética, a exposición oral sobre os materiais e ferramentas empregadas e o procedemento realizado para construilo, a orixinalidade e, sobre todo, o son e a interpretación musical que realizaron co seu instrumento. 
A finalidade dun instrumento musical e facer música con el, ben interpretando unha melodía, un ritmo ou acompañando unha cantiga. Seguindo a temática proposta dende a Biblioteca do centro, "A arte galega", pedíuselle ao alumnado  que a interpretación individual ou en grupo a realizar coas súas creacións fose sobre música galega. Escoitamos pezas breves interpretadas por frautas e cordófonos e tamén moitas cantigas tradicionais ao son das súas pandeiretas, pandeiros, tambores ou botellófonos. Temos no Castelao uns luthiers e músicos estupendos!
Dende a Aula de Música agradecemos a colaboración de moitas das familias pola súa implicación neste traballo. 





 






mércores, 9 de maio de 2018

Letras galegas 2018: María Victoria Moreno

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2018, o CEIP Antonio Fernández López comparte na súa web un estupendo traballo que nos achega a vida e obra da autora homenaxeada, Mª Victoria Moreno, cunha cantiga en xeito de rap. Animádevos a cantar con eles.


En Estremadura,  nace esta escritora, corre que te corre, chega a Barcelona.

Gústanlle as linguas, catalán e francés, estuda ben contenta, do dereito e do revés.

Lendo o Principiño, e mais o Quixote, pasa moitas horas, gozando a tope.

Logo en Madrid, estuda Filosofía, enche a súa mochila, día tras día.

 

Con Jose Luis Llácer, casa en Madrid, e logo para Galicia, marchan vivir.

Case toda a vida vive en Pontevedra, o interese por Galiza medra e medra.

Faise profesora de Literatura, Pero ensinar galego é o que máis lle gusta.

Coñece a Xesús Alonso Montero, con el colle forza o compromiso galego.

 

 Comeza a escribir, con gran puxanza, e abre en Pontevedra a Libraría Xuntanza.

Libros prohibidos pola censura, ela difundía en prol da nosa cultura.

Gaña moitos premios e recoñecementos, con “ Mar Adiante”, “ Anagnórise” ou “O Cataventos”.

Sempre escribindo e sementando con amor o interese por Galiza con valentía e paixón.

 

Morre o seu marido e ela enferma, que mal! Continúa escribindo e faino sen parar.

Segue dando clases aos seus cachorriños, traballando con eles está no paraíso.

Sempre pensou que tódalas persoas estamos feitas pra facer cousas boas.

Así o fixo e así o transmitiu. Tal compromiso con Galiza poucas veces se viu.