sábado, 19 de decembro de 2020

Nadal no mundo

 O son do Nadal chega ata nós sempre que se aproxima  o final do ano. Na aula de música cantamos, escoitamos ou interpretamos o Nadal sempre que chegan estas datas. Aínda que a música tradicional, coas panxoliñas e cantos de Reis marcou sempre o punto de partida, non esquecemos as cantigas máis modernas e as melodías que nos chegan dende o mundo publicitario para traballar a música destas festas.

Este curso, tan particular, no que non podemos cantar, nin tocar cos instrumentos da aula nin coas frautas a música do Nadal, escoitamos panxoliñas de diferentes lugares, uns máis próximos e outros máis lonxe de nós e aprendimos algunhas cousas curiosas e interesantes de moitos deles.

Déixovos o enlace ao xogo que fixemos na aula. Lembrade que escoitaredes un fragmento dun canto de nadal dun país e haberedes de descubrir de que lugar se trata. Non aparecerá o nome do país, senón unha imaxe dalgún elemento que o vai representar.

 Podes investigar  e aprender  moitas cousas curiosas deses lugares: Sabes por que as casas de Zalipie (Polonia) están pintadas con flores? Sabes o que é un totem ou a aurora boreal? Cal é a onda máis famosa de Euzkadi coñecida por todos os amantes do surf? Por que en Barcelona hai moitas imaxes dun dragón? Cal é o animal máis característico das motañas do Perú, ou o paxaro con nome de froita de Nova Zelanda?



Déixovos tamén enlace ás músicas dalgúns dos debuxos animados que formaron parte da infancia televisiva dos vosos pais e avós. Seguro que vos terán que botar unha man para relacionar a imaxe coa sintonía.

 Animados 1






Na marxe dereita do blog tedes  enlaces a entradas do Zumzum que fixemos outros anos polo Nadal onde podedes escoitar algúns dos villancicos e músicas que traballamos na clase.

Bo Nadal e feliz ano para todas e todos!

venres, 13 de novembro de 2020

Chea de vida

 Con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero imos cantar a canción Chea de vida de Guadi Galego interpretada con linguaxe de signos.

Guadi Galego

Guadalupe Cribeiro Galego, coñecida como Guadi Galego é unha cantante galega. Naceu en Cedeira en 1974 e dende moi nova comezou a súa formación no mundo da música. En 1997 entrou a formar parte do grupo  Berrogüetto como gaiteira, pianista e vocalista. Tamén formou parte do dúo Espido e de Nordestin@s. No 2009 comezou a súa carreira en solitario e en 2012 uniuse aos músicos Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero para formar o grupo aCadaCanto. Presentou o seu disco Lúas de outubro e agosto o 25 de novembro de 2014, Día Internacional da eliminación da Violencia contra a muller, no que inclúe a canción "Matriarcas" facendo unha homenaxe ás mulleres reais e a súa vida cotiá e tamén a canción Chea de vida coa que realizaremos a conmemoración na nosa escola este 25 de outubro.

Chea de vida



Para os máis pequenos, que comezan a facer restas, esta semana contamos e cantamos o conto "Os dez Canciños".  Déixovos o enlace ao blog da Arca da Marga  onde tedes diferentes versións do conto:

Os dez canciños

  


Para o alumnado de quinto e de sexto déixovos o enlace á actividade El mundo suena que fixemos na escola.






sábado, 31 de outubro de 2020

Un Samaín de medo

 

Esta semana falamos do medo na víspera do Samaín. 

Os máis pequenos escoitaron a historia  "Que noite  máis ruidosa" con ambientación musical e sons na aula. Os máis maiores escoitaron e cantaron cancións de medo. Aquí volas deixo para que as sigades cantando. 



Buajajajajá


El vampiro negro

El niño caníbal
Se hace de noche
Chumbala cachumbala
E rematamos cunha receita para facer unha empanada de Samaín.



domingo, 18 de outubro de 2020

Sons que chegan de ...Australia

Preparámonos para a chegada  de James, o auxiliar de conversa que nos acompañará parte deste curso. Seguro que nos ensina cousas moi interesantes do seu país, Australia

Kookaburra




O Digeridoo


Kookaburra e a frauta doce
Segue estes titoriais para interpretar Kookaburra coa túa frauta:



Dende Australia chégannos tamén outras músicas que escoitamos e traballamos na aula. Dance Monkey con percusión corporal

E rematamos esta entrada con  Waltzing Matilda, a canción folclórica máis coñecida de Australia que foi proposta como himno nacional.
Déixovos unha versión interpretada por nenos e nenas, que serviu de cabeceira nunha serie televisiva dos anos 80 "El valle secreto" e outra interpretada por Slim Dusty, cantautor australiano que interpretou esta cantiga na clausura dos xogos olímpicos de Sidney.






mércores, 30 de setembro de 2020

Quino e a música

Comezamos o curso no Zumzum cunha homenaxe a Quino: música e humor fan unha boa parella nestes tempos virados. 

Fai clic nas imaxes para disfrutar con algunha das súas creacións.






domingo, 7 de xuño de 2020

E o curso remata...


Na entrada desta semana faremos un repaso do traballo realizado neste trimestre.

Na publicación do 30 de marzo os máis pequenos leron a historia do Pequeno violín e colorearon aos seus protagonistas

Debuxo de Lara Mosquera de 1ºA


O alumnado de 5º e 6º aprendeu o oficio de luthier e construiu o seu propio instrumento empregando materiais de refugallo.
Aquí vos deixo unha mostra das súas obras.



Comezamos  o mes de abril facendo ritmos e traballamos en diferentes propostas para para celebrar o 23 de abril, día do libro. Unha delas  consistiu en crear un minilibro a partires de cancións ou poemas.
Estes son algúns dos minilibros que me enviastes. Espero que pronto formen parte da biblioteca da nosa aula. 



Tamén en  abril repasamos as notas e figuras musicais con diferentes xogos e cancións. 
 María Suárez de 2ºC estaba cantando o "do re mi de Oskorri" cando un paxariño  pousou no seu ordenador para cantar con ela. 😀

Rematamos abril celebrando o día internacional da danza, e que mellor maneira de facelo que bailando.  
  • Lucía e Noa Calviño de 4ºB e 1ºC prepararon unha estupenda coreografía de danza moderna. Xenial!

Abel e Antía Calvo de 3ºA e 6ºB practicaron os puntos da muiñeira e cada un deles fixo a súa propia versión. Parabéns!

Irene Darriba de 2ºB celebrou o Día internacional da danza creando una breve coreografía dun tema que compuxo ela mesma, tanto a música coma a letra. Bravo Irene!

E se nos vestimos para bailar?
No mes de maio traballamos a música e a danza galega e , entre outras actividades, aprendemos o nome das partes do traxe tradicional. O mozo e a moza quedaron ben guapos cando lles puxestes os  traxes!


Julia Porto de 5ºA e a súa nai tamén se vestiron para bailar e enviáronme un fermoso vídeo bailando unha muiñeira.

Érika  Mallo de 4ºC realizou moi ben as tarefas de música e contou cunha marabillosa colaboradora: a súa avoa!
E neste tempo descubrín algún que outro artista musical que aínda non tiña escoitado nunca.  
Lorenzo Montalbo de 2ºA é un gran intérprete de bombardino! Espero que o poidamos escoitar todos na escola o vindeiro curso.

 Anxo Pérez de 5ºC enviou algúns vídeos onde se mostra coma un pianista moi versátil: séntase ao piano e o mesmo interpreta aos Beatlles que toca unha muiñeira. Parabéns Anxo!



E rematamos este repaso do trimestre cun vídeo onde se mostran algunhas das árbores xenealóxicas feitas polo alumnado de 5º e 6º sobre o tema das emocións.
                                       A música que nos emociona
Xa sabedes o que di o refrán  "quen baila e canta, os males espanta" así que non deixedes de cantar,  bailar e disfrutar coa música durante as vacacións.
Bo verán!😍

domingo, 31 de maio de 2020

En xuño, bailamos

No mes de xuño adicamos as sesións de música a repasar as cancións que aprendemos a cantar, a tocar cos instrumentos da clase ou a bailar na aula durante o ano escolar. 

 Este curso foi un tanto especial, xa que so estiven con vós cinco semanas no segundo trimestre, xusto antes do confinamento, así que vou deixar nesta publicación  uns vídeos con coreografías de diferentes estilos musicais para que as podades facer facilmente na casa.
 Non hai ningunha de música tradicional galega,  xa que lle adicamos todo o mes de maio  á  nosa música e tedes moitos vídeos e propostas nas entradas anteriores.


    














Espero que desfrutedes bailando!!!!

Non tedes que enviar fotos nin vídeos desta tarefa ao meu correo aínda que estou á vosa disposición se tedes algunha dúbida, comentario ou suxestión: adelacastelao20@gmail.com

Na seguinte entrada do blog publicarei as fotos dos traballos que me enviaron os rapaces e rapazas de 5º e 6º e que non puidemos ver na escola. 
Boa semana.

domingo, 24 de maio de 2020

Ei Carolina!

Na semana das Letras Galegas pedinlle ao alumnado de 1º, 2º e 3º nivel que me dixeran cal era a súa canción favorita en galego. Houbo moitas e diferentes respostas que abarcaron todos os estilos musicais, e das que tomei boa nota para traballar con elas cando poidamos volver á escola. Pero cunha aplastante maioría o título máis mencionado foi "A saia de Carolina" así que o traballo desta semana virará en torno a esta peza.

Para comezar imos escoitar diferentes versións da canción A saia da Carolina




3. A saia da Carolina          Versión portuguesa

E agora busca unhas culleres, uns paus, unha tixola  ou o que teñas máis preto para acompañar coa percusión a versión que fai Uxía Lambona e a banda molona. Fíxate ben na partitura que aparece no vídeo para facer o acompañamento.


                                   


Aquí vos deixo a partitura para aqueles que queirades tocala coa frauta ou con outro instrumento melódico.


Para rematar a sesión déixovos un enlace a este xogo onde tedes que identificar  as cancións escoitando un anaquiño da súa  melodía. Todas as cancións que aparecen no xogo foron mencionadas por algún de vós na tarefa. Xa sei que non están todas, pero faremos outro xogo máis adiante coas que faltan. 
E para os máis  veteranos déixovos outro enlace  a outro xogo moi similar ao anterior,  pero esta vez con  música interpretada por mulleres galegas. Espero que o disfrutedes!




Tarefas para enviar ao correo adelacastelao20@gmail.com:

Despois de ver e escoitar as propostas anteriores: 

1. Anota no teu caderno cal é a versión da Carolina que máis che gustou explicando brevemente o motivo da túa elección.
2.  Investiga sobre outras cancións, galegas ou non, que levan por título un nome de muller e anota  no caderno o título e o autor, se o sabes.


Solucións aos enredos da semana pasada:
A participación nas tarefas da semana pasada foi a máis alta en toda esta etapa.
Nembargantes os comentarios sobre os enredos  son moi controvertidos: para algúns de vós, foron moi complicados e para outros moi divertidos.
Quero felicitarvos a todas e todos os que enredastes coa música  investigando na busca das solucións e de xeito especial aos máis pequenos que  traballastes en familia. Parabéns!!!!




domingo, 17 de maio de 2020

Enredos coas letras e músicas galegas


Esta semana déixovos as propostas organizadas en tres grupos, de máis sinxelas a máis complicadas, para que enrededes mentres aprendedes.  


Enredos para comezar

1. Escribe o nome dos instrumentos tradicionais que aparecen  nas imaxes neste encrucillado:

2. Adiviñas musicais




Enredos para seguir avanzando

  Para o seguinte enredo debes saber colocar as notas no pentagrama. Facendo clic na imaxe podes repasar a colocación das notas xogando antes de resolver o enredo.




  3. Completa o xeroglífico-texto de notas musicais.


4. E agora busca o nome dos 12 instrumentos da música tradicional que aparecen nas imaxes no caldo de letras:




Enredos para  expertos

5. Para os máis expertos déixovos un sudoku: 

Fíxate ben nas cores, porque no cadrado hai 7 grupos, e cada grupo está formado por sete cadradiños. Completa cada grupo co nome das sete notas musicais... pero, o nome das notas non pode estar repetido nin en vertical (columna) nin en horizontal (fila).


6. A continuación tedes un "Pasapalabra de música galega". Podedes facelo online clicando no título ou a través das imaxes que vos deixo a continuación:

Esta indicación * significa que a palabra que se busca inclúe a letra,pero non comeza por ela.
    


Enviade as solucións dos enredos que fagades ao meu correo   adelacastelao20@gmail.com 
 Poñede no asunto do correo o voso nome, apelidos e o curso no que estades. 
Non é necesario que imprimades os enredos, escribide as solucións no caderno poñendo ben claro o número do enredo ao que lle dades resposta.

Ánimo e a enredar!!!!!