martes, 8 de decembro de 2015

A outra música do Nadal


Un ano máis chega o Nadal e con el as panxoliñas e os Cantos de Reis. Podedes escoitar unha pequena selección nos enlaces do blogue de cursos anteriores:


Pero hoxe imos falar doutra música que tamén nos rodea nestas datas: a música da publicidade.

Din que unha imaxe val máis que mil palabras, pero se a esa imaxe lle engadimos son…  pasa a valer un millón.
Os publicistas coñecen ben o valor que ten a música nas súas creacións, e saben da influencia que ten o son que acompaña ás imaxes nos espectadores. Escoller a banda sonora dun spot publicitario é clave para captar á atención, espertar o interese  e achegar o produto anunciado ao maior número posible de consumidores. Segundo o público, ao que vai dirixido o anuncio, empréganse diversas estratexias musicais: cancións tradicionais, populares, música clásica, bandas sonoras de películas, éxitos musicais do momento ou “jingles” que son mensaxes ou slogans cantados e creados para anunciar un produto determinado.
        
A publicidade é a raíña do Nadal. Na televisión e na radio escoitamos a todas horas músicas que nos traen á mente produtos típicos que non faltan na nosa mesa durante as reunións  familiares ou posibles agasallos de Nadal.


Déixovos unha pequena selección de anuncios que forman parte da historia da televisión no noso país. Moitos deles foron creados antes de que vós nacerades pero seguro que os vosos pais e avós os lembran.


Na década dos setenta  unha coñecida marca de bebidas anunciábase polo nadal transmitindo unha fermosa mensaxe de paz.




Tamén na década dos setenta unha marca de xoguetes logrou convertir un "jingle" publicitario nunha panxoliña.



Entre 1998 e 2005 polo nadal entraba nas nosas casas a través do televisor O Calvo da lotería.

Lembras a música?  Seguro que si xa que temos bailado con ela xuntos máis dunha vez.



Como vai faltar o turrón na nosa casa na cea de Noiteboa!


















Ludovico Einaudi é o compositor e pianista italiano que pon a banda sonora do spot publicitario da lotería de Nadal de este ano.
A música do piano nas mans de Einaudi cóntanos, neste anuncio, a historia de Justino,  un garda de seguridade dunha fábrica de maniquís  no turno de noite. Justino está so e nunca coincide cos seus compañeiros, pero remata comunicándose e establecendo unha relación con eles a través das figuras da empresa.
 


Felices  e doces festas!


domingo, 15 de novembro de 2015

París

Despois das tristes novas acontencidas  esta fin de semana propóñovos escoitar unha canción  francesa "Sous le ciel de París" interpretada pola cantante Zaz e Pablo Alborán acompañada dunhas fermosas imaxes desta cidade tan máxica.  

xoves, 12 de novembro de 2015

Dúas propostas para a frauta

Na clase de hoxe dous compañeiros de 6º fixeron dúas propostas ben distintas e ben interesantes para que as interpretemos na aula coa frauta.
Aquí as tedes para que as poidades escoitar, ver e interpretar. QUE A FORZA VOS ACOMPAÑE

STAR WARS


Star Wars é unha saga de películas concibidas polo guionista, director e produtor de cine estadounidense George Lucas. A banda sonora é obra do compositor John Williams, un dos músicos máis recoñecidos dentro do mundo do cine. 
A música desta película acadou importantísimos premios e está considerada como unha das mellores bandas sonoras de todos os tempos.








Coñeces aos protagonistas?



A  RIANXEIRA


"A Rianxeira" é unha canción popular galega, convertida nun dos símbolos culturais de  Galicia. Foi composta en  Bos Aires en 1947 nunha reunión do Centro Rianxo sendo  Anxo Romero Loxo  o autor da música e  Xesús Freiro Dourado "Pinciñas" o autor da letra.

O texto orixinal ten a súa orixe en diversas variantes de cantos tradicionais de acompañamento ás procesións de adoración á Virxe de Guadalupe  (patroa de Rianxo) do  século XIX, que se realizan na vila de Rianxo, sendo o seu xentilicio feminino o que bautiza ao himno. Nun principio chamárona "Ondiñas da nosa ría".
A pesar da súa orixe, o texto non é de carácter  relixioso, aínda que se serve da figura metafórica da Virxe para realizar unha evocación á figura da muller galega traballadora da mar.
"A Rianxeira" é cantada con ocasión de celebracións e festividade de carácter privado, costume tamén estendido co éxito dos clubs galegos de fútbol durante os anos 90 nas manifestacións públicas deportivas.


Son moitos os artistas  de xeitos e estilos diferentes que teñen interpretado este tema tan popular. Podedes escoitar as versións dun cuarteto de corda, o Cuarteto Egeria, a da cantante Ses e a de Emilio Rúa.


 



martes, 3 de novembro de 2015

do re mi ...

  Con esta divertida e animada canción do grupo vasco Oskorri convídovos a crear un texto para os compases en silencio da partitura e interpretala  en karaoke  coa frauta .





xoves, 22 de outubro de 2015

As festas do outono

"Xa chegou o outono
  xa chove e xa vai frío,
  a choiva non vai parar.

 Asubía o vento,
 o sol durme cediño.
 Fagamos un magosto
 con castañas e chourizos para xantar." 

Con este texto de Marga Sampaio, compañeira da Caixa de Xogos,  e o Allegro do Outono de Vivaldi démoslle a benvida ao outono na aula de música.
Retomamos os cantos do magosto e das vendimas e tamén a cantiga do varrendeiro que coa súa vasoira varre penas, varre bágoas e suspiros no medio dunha alfombra verde, amarela e marrón.

Déixovos a partitura para que a podades  cantar e practicar coa frauta.


 No outono tamén celebramos a festa de Samaín.  Se clicas no enlace SAMAÍN  atoparás algunha das cancións e audicións que cantamos na aula.

Velaí outras cantigas para estas datas:




E agora un fragmento da película "Pesadilla antes de Navidad" baseada nunha historia de Tim Burton



E tamén unha cantiga adicada a un personaxe moi popular na cultura galega que levaba  aos nenos que choraban pola noite


Xa sabedes que NON HAI NADA COMO CANTAR E BAILAR PARA O MEDO ESCORRENTAR

mércores, 20 de maio de 2015

A VOZ




Escoitamos algúns exemplos dos diferentes tipos de voz:

Comezamos cun gran tenor, Luciano Pavarotti interpretando "La donna é mobile" da ópera Rigoletto do compositor italiano Giuseppe VERDI.


Na voz do barítono Hakan Hagegard escoitamos o aria de Papageno da ópera "A frauta máxica" de Mozart.

O baixo Ken Turner ofrécenos con este tema  un exemplo moi claro sobre como sonan as voces masculinas máis graves.



Outra voz  de baixo que se fixo moi popular nas redes sociais: Tay Zonday.

As voces pódense combinar creando grupos vocais que interpretan "a capella" pezas de diferentes estilos

A voz máis aguda das mulleres é a soprano
Comezamos escoitando un aria da  Frauta Máxica de Mozart, "A raíña da noite" .


Imos escoitar "La ci darem la mano" da ópera Don Giovani de Mozart, un dúo interpretado pola nosa querida Olga Raíces como soprano e  o barítono Fernando Enseñat-Berea.


A voz de contralto é a máis grave entre as voces das mulleres.
Escoitamos a Habanera da ópera Carmen de bizet na voz de Anna Sophie Von Otter

Finalizamos coas voces brancas.  Na voz dos intérpretes máis novos escoitamos o "Dúo dos gatos" de Rossini.


Déixovos un enlace ao blogue de Mª Jesús Camino sobre a clasificación das voces.
XOGO SOBRE A CLASIFICACIÓN DA VOZ





luns, 18 de maio de 2015

LUTHIERS 2015

Un curso máis, alumnos e alumnas de 5º curso de primaria presentaron os instrumentos musicais elaborados empregando materiais de reciclaxe ou utensilios caseiros destinados a outros usos.
Latas, globos, botes, macetas, paus, tubos botellas...transformáronse en instrumentos de música nas mans dos pequenos luthiers do Castelao.





   


                                                                                 











Todo o alumnado expuxo o  seu traballo na aula de música explicando aos seus compañeiros como creou o seu instrumento, os materiais que empregou para facelo, o xeito de tocalo e finalmente realizou unha breve interpretación musical co mesmo. 
Xunto co instrumento presentaron tamén unha ficha en forma de cómic describindo o seu traballo ou o xeito de facelo.

  Dende a aula de MÚSICA agradecemos a colaboración das familias na realización destes estupendos instrumentos.

sábado, 9 de maio de 2015

OS MAIOS 2015

Un ano máis o Castelao celebra os Maios realizando maios atísticos no patio da escola ao tempo que se interpretan cantigas populares na aula de música para celebrar esta etapa estacional.
         
          Cando os paxariños deixan ver seus amores
  e traen nos piquiños as primeiras flores...
¡Levántate maio que tanto durmiches,
xa pasou o inverno e ti non o viches!

Para celebrar esta festa cantamos e bailamos con Malvela
Tamén cantamos e tocamos coa frauta a popular "Collín toxos e flores"
Escoitamos a interpretación que fan os alumnos do CEIP Agro do Muíño
Luis Emilio Batallán púxolle voz e música ao poema de Curros Enríquez  "Ahí ven o maio."




domingo, 3 de maio de 2015

A gran dama da danza

O sábado díxonos adeus Maya Plisetskaya, a gran dama do ballet.
Maya naceu en Moscú en 1925 e comezou a bailar con so tres anos. En 1941 incorporouse ao teatro Bolshói onde moi pronto se converteu nunha estrela.
Sen dúbida é una das máis grandes artistas da historia da danza , capaz de conmover coa súa deslumbrante técnica artística e a súa forte personalidade en escena a  todo aquel que contemplase as súas interpretacións.

Imos ver a continuación unha das súas grandes interpretacións: "O cisne" de Saint-Saëns. 
"La primera imagen que evoca el nombre de Maya Plisetskaya es el de la figura blanca y frágil de la bailarina interpretando, con el lastimero violonchelo de Saint-Saëns, «La muerte del cisne». Sus brazos alados que dibujaban dolor con su mágico movimiento eran el sello inconfundible de una de las más grandes artistas de la historia de la danza" (Julio Bravo, crítico cultural)




Podemos visionar tamén a súa personal interpretación do "Bolero" de Ravel  que traballamos na última sesión da clase de música.

mércores, 22 de abril de 2015

Preparando a visita dos "Arcos Iris"



IMOS  AO  CONCERTO 

  • Sabes que vas ir a un concerto de música. ¡Aprovéitao! 
  • Intentaremos chegar ao auditorio cuns minutiños de adianto sobre a hora do concerto. Este tempo faranos falta para ocupar a nosa butaca e, tal vez, atender algún imprevisto. 
  • Levanta a vista ao teu arredor. O lugar onde se celebra o concerto é moi especial: a decoración, a comodidade, a amplitude… 
  • Escoita. Esta palabra é de suma importancia. Sabes que non só basta con oír, hai que prestar a maior atención para conseguir unha boa escoita. 
  • Notarás tamén que en moitos momentos sentimos a música dentro do corpo a través das vibracións. Recoñeces visualmente os instrumentos? 
  • Concéntrate no papel que xogas como público nun concerto. Os músicos son os encargados de interpretar, ás veces coa axuda do director, as ideas escritas polo compositor. 
  • Outras veces interpretan as ideas musicais mediante danzas, xogos de ritmo e variadas escenografías con decorados e vestimentas que nos axudan a entender moito mellor todo o que pretenden expresar coa música. 
  • O presentador axudarache a entender o que vai acontecendo e incluso pode invitarte a participar no espectáculo. Ti xa sabes o que tes que facer: prestar en todo momento a maior atención. 
  • Intenta disfrutar ao máximo do último son interpretado polos músicos ao final de cada obra. Domina os impulsos que te levan a aplaudir sobre a música. Toma un tempo de reflexión, e despois, se che parece ben, aplaude. 
  • Ordena e analiza toda a información recibida e as experiencias vividas durante o concerto: a atención, o silencio... Non é certo que merece a pena? ¡Claro que si!


BOLERO......Maurice Ravel


Comezamos cunha obra de Maurice Ravel, compositor francés que en 1928 decidiu crear un ballet experimental: un ballet para orquestra que tan so empregaría un tema e un contratema repetidos e no que o único elemento de variación sería o efecto dun inmenso crescendo que a orquestra realizaría ao longo de toda a obra.
Ravel definiu o seu bolero deste xeito:


 "É unha danza nun movemento moi moderado e constantemente uniforme tanto pola melodía como pola harmonía e o ritmo, este último marcado sen cesar polo tambor. O único elemento de diversidade é aportado polo crescendo orquestral."

Dende o comezo da obra, dende os primeiros compases escoitaremos o ostinato sobre o que se vai soster toda a obra: dous compases, practicamente idénticos que de xeito obsesivo repite a caixa acompañándonos ata o final da partitura..
   
                             



O director Iván Maksimov preséntanos outra versión do Bolero




PIZZICATO POLKA... Josef e Johann Strauss.

 Durante a segunda metade do século XiX, cunha Europa inmersa nun mar de conflitos políticos e problemas de sucesións dinásticas, florece a familia Strauss enchendo o ambiente de aire fresco, cor e ledicia coas súas fermosas composicións musicais que invitan ao baile. Non hai salón onde non se escoiten e bailen as obras de Johann Strauss pai e dos seus fillos Johann, Josef e Eduard.
  "Pizzicato Polka" é unha obra composta polos irmáns Johann e Josef Strauss en 1869. A polka é unha danza folclórica dos países centroeuropeos que se transformou en baile de salón a principios do século XIX. É un baile saltarín e cheo de vitalidade escrito en compás de 2/4. A peculiaridade da composición dos irmáns Strauss está en que os instrumentos de corda fretada executan  esta obra en pizzicato, é dicir, non empregan o arco senón que beliscan as cordas cos dedos para facelas vibrar o que provoca un son diferente, máis divertido, xoguetón, menos severo... É habitual escoitar o pizzicato no contrabaixo cando interpreta jazz mais non o é tanto nos demais instrumentos da familia. 




O DANUBIO AZUL....Johann Strauss II

  O vals é una danza elegante, en compás de ¾, orixinaria do Tirol (Austria) que conquistou o seu rango de nobreza en Viena a finais do século XVIII estendéndose rapidamente a outros países. O Danubio azul, composto en 1867 é o vals máis popular entre os máis de catrocentos que compuxo J. Strauss.  Foi unha obra composta por encargo que celebra a incomparable beleza do larguísimo río Danubio que cruza dez países e importantes cidades europeas. Os vieneses considérano como un segundo himno nacional, é moi tradicional bailalo nas vodas  e é un dos “bises” indiscutibles no Concerto de Ano Novo. 
  O famoso cineasta Stanley KubricK empregou esta fermosa composición como banda sonora da súa película "2001, Odisea no espazo"



  Déixovos agora unha versión do Gran Wakkorotti, que interpreta as súas obras dun xeito moi particular.

  Que podemos dicir da versión que fai este peculiar coro dirixido por Gonzo dos Muppets ?






MARCHA RADETZKY......Johann Strauss



Escoitamos agora unha obra composta por Johann Strauss (pai) en 1848, realizada en honor do mariscal austríaco Joseph W. Radetzky, vitorioso en numerosas batallas.

Actualmente, a Marcha Radetzky debe a súa popularidade a que é a peza coa que remata o Concerto de Ano Novo de Viena. Durante esta última obra, a audiencia aplaude o compás e o director vira para dirixir ao público en lugar de facelo á orquestra.





PEQUENA SERENATA NOCTURNA ....  Mozart


A serenata é unha composición musical en forma de divertimento que alcanzou unha gran popularidade no século XVIII. A serenata interpretábase pola tarde, ao anoitecer, moitas veces ao aire libre facendo as delicias das veladas nos xardíns dos pazos da aristocracia. A súa orixe está nas baladas que os namorados cantaban fronte ás ventás da súa amada ao anoitecer.

A serenata nº 13 para cordas en sol maior é unha das composicións máis populares de Wolfgang Amadeus Mozart, datada en Viena en 1787.


Escoitaremos o primeiro movemento nun aire Allegro.


MINUETO.... Boccherini
O minueto, ou minue, é unha antiga danza barroca orixinaria de Francia. Debe o seu nome a os "pasos diminutos" cos que se baila esta lenta e ceremoniosa danza.
Luigi Boccerini, violonchelista e compositor italiano afincado en España compuxo este célebre minueto para un quinteto de corda.


CZARDAS........ V. Monti
As czardas son danzas húngaras con ritmos e melodías procedentes dos bailes interpretados polas orquestras de cíngaros. O seu ritmo suele ser binario e cun movemento moi vivo precedido sempre por unha introdución  moi lenta e patética.
Escotamos a Czarda de Vittorio Monti, violinista, compositor e director de orquestra italiano.
Queres escoitar esta música na guitarra do gran Paco de Lucía?

DROWSY MAGGIE..Tradicional irlandesa



Remataremos o concerto con música tradicional de Irlanda, onde non faltan os violíns para marcar os pasos de baile do reel.


Queres ver como se baila este reel?



xoves, 16 de abril de 2015

IMOS AO CONCERTO!!!

O próximo día 7 de maio asistiremos na Casa da Cultura ao concerto musical Efecto Arcos Iris.
O grupo Arcos Iris xa nos visitou hai dous anos  e volverán ofrecernos un paseo pola música de diferentes épocas e estilos da man dos seus instrumentos de corda fretada.


Fagamos un breve repaso sobre os instrumentos que imos ver e escoitar no concerto.


domingo, 22 de marzo de 2015

Chegou a primavera

Imos iniciar o terceiro trimestre dándolle a benvida á prmavera.

Escoitamos o Allegro  de Vivaldi que describe moi ben o que acontece nesta época do ano.



Unha marchosa canción de Abel  Camacho para cantar e bailar nestas datas.


luns, 23 de febreiro de 2015

8 de marzo


Unha fermosa presentación fotográfica sobre a muller traballadora galega  realizada hai anos polo ENDL  do IES Someso. Como fondo musical escoitaremos a música de  Carlos Núñez e a voz da cantante portuguesa Teresa Salgueiro interpretando o poema "María Soliña" de Celso Emilio Ferreiro. 





Mulleres, pingueiras nun mar de música...
¡Que fermosa presentación realizada por Marga Sampaio adicada a todas a mulleres que crean, interpretan e sinten música! 
Por que non hei de cantare?