luns, 28 de abril de 2014

OS MAIOS

  “A Festa dos maios é a festa da primavera, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Significa
 o  reverdecer das plantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do 
       horizonte  e coller altura e forza “(Vicente Risco)

    A festa dos Maios é unha festa popular de orixes ancestrais, incluso dátase o seu nacemento na prehistoria cando os primeiros homes se preguntaban sobre esa forza renovadora que cada ano , tras a época das chuvias e o frío, facía brotar a semente e revestía os campos de variadas cores.
   As civilización grega, fenicia, celta e romana festexaron “os maios” con diferentes rituais que foron asimilados na Idade Media polas civilizacións cristiás.
  O   ciclo dos maios  comeza  na segunda metade do mes de abril e remata na primeira quincena de xuño, coa celebración relixiosa do Corpus.
Dende  épocas remotas, os galegos celebraban  coa festa dos maios a  chegada da primavera e o remate do cru inverno para  propiciar deste xeito a obtención de boas colleitas. Nos tempos actuais, as festas dos maios son a última manifestación folclórica que festexa en Galicia o final do inverno.  Nalgunhas vilas mozos e mozas vístense  con ramallos, follas e flores e cantan cantigas satíricas polas rúas das vilas. Noutras zonas colócanse  ramas de xestas e fiuncho  nas portas e fiestras das casas e tamén nos coches e fanse coroas e colares de flores.  Os maios máis coñecidos son os figurativos, entre os que dominan os de forma cónica ou piramidal, feitos con armazóns de varas ou canas, recubertos con plantas e decorados con laranxas bravas, flores e ovos.




Parte importante dos maios son as cantigas,  tradicionais ou novas, que se cantan ao seu arredor acompañadas polos ritmos feitos con dous paus curtos. Estas  coplas  están formadas por versos de catro estrofas con estrutura de romance  que fan alusións á ledicia pola chegada da primavera e o rexurdir da vida, ao traballo realizado na elaboración do maio ou a críticas sobre personaxes populares.

ESTRELA DE MAIO  (Na lúa)

AÍ VÉN O MAIO
( Poema de Curros Enriquez musicado por Luís Emilio Batallán)

MAIO LONGO
 (poema de Rosalía de Castro  na versión musical de Carlos Núñez)

A Festa dos Maios no CEIP Campolongo de Pontevedra





martes, 1 de abril de 2014

Clarinetistas na aula

A pasada semana dous alumnos de 3º curso, Arantxa Ferreiro e Sergio Manteiga,  trouxeron o seu clarinete á aula de música. Ensináronnos o  instrumento, escoitamos o seu son e  as interpretacións musicais que estes novos pero grandes artistas do Castelao nos regalaron. Noraboa  aos dous músicos e agardamos que sigan traballando coa música para ofrecernos novos concertos.