luns, 30 de marzo de 2020

Familias de instrumentos

Nos próximos días imos lembrar como se clasifican os instrumentos en familias.
Para comezar  deixo uns  murais, coma os que temos na aula de música, onde vemos os principais instrumentos das orquestras e bandas clasificados en familias.
A continuación déixovos propostas de traballo por niveis para os próximos días.


AERÓFONOS(instrumentos de vento): Son os instrumentos que soan porque vibra unha columna de aire no seu interior producida polo sopro humano ou de xeito mecánico.
VENTO MADEIRA 


  VENTO METAL


                                      





CORDÓFONOS (instrumentos de corda):  Son os instrumentos que soan porque vibran unha ou máis cordas que están tensadas entre dous puntos do instrumento. As cordas vibran cando se pulsan, fretan ou golpean.
CORDA PERCUTIDA



IDIÓFONOS(instrumentos  de percusión madeira e metal):Son os instrumentos que soan porque vibra o material co que están construídos cando os golpeamos, rascamos, fretamos, axitamos, sacudimos...

MEMBRANÓFONOS (instrumentos de percusión pel ou membrana):Son aqueles instrumentos nos que vibra unha membrana tensa cando a golpeamos coas mans, con diferentes baquetas ou con mazos. Algúns, coma a zambomba, vibran cando os frotamos e outros, coma o mirlitón, polo sopro.
ELECTRÓFONOS: Producen ou modifican o son mediante corrente ou circuítos eléctricos.



1º e 2º nivel

Aquí tedes a historia "O pequeno Violín" para que a podades ler en familia.
Ao final da presentación aparecen  unha serie de preguntas e exercicios sobre o tema. Podedes facelos orais, para comentar a historia, ou escribilos en papel. Tamén vos deixo un debuxo do conto para colorear.



No blog Caixa de xogos tedes varios xogos on line para repasar os nomes dos instrumentos e a súa clasificación.

 Colorea da mesma cor os instrumentos da mesma familia. Escribe debaixo o seu nome.






3º e 4º nivel

 Podemos clasificar os instrumentos de percusión polo xeito de tocalos:
 

Podemos clasificar tamén os instrumentos de percusión segundo a súa altura sexa ou non determinada. Os instrumentos de altura determinada están afinados e poden tocar melodías. 


Aprende máis sobre os instrumentos nos seguintes enlaces de xogos:
El timbre de los instrumentos
Instrumentos de percusión
O nome dos instrumentos
Clasificamos instrumentos

Investiga e contesta as preguntas:





5º e 6º nivel


Un luthier é un construtor de instrumentos.
A proposta que vos fago a todo o alumnado de 5º e 6º é que vos convertades en luthiers aproveitando estes días de confinamento.
Remexede  polos armarios, alpendres, polo faiado, garaxe, caixóns... na busca de materiais de refugallo cos que construír o voso instrumento.

Pero antes....
1. Revisa con atención os murais que aparecen no comezo desta entrada.

2. Podes repasar a clasificación de instrumentos entrando no blog Caixa de xogos  centrándote na etiqueta correspondente a instrumentos.


3. Revisa as entradas deste blog Suso Gestal...de profesión Luthier e Manel....de profesión Luthier dedicadas a dous luthiers veciños de Ordes que nos visitaron en cursos anteriores.
 Manel, de profesión luthier
 Suso Gestal, de profesión luthier










4. En entradas deste blog, etiquetadas en instrumentos, tedes fotos dos instrumentos construídos polos rapaces e rapazas de cursos anteriores do Castelao.
Tamén nesas entradas tedes enlaces interesantes sobre como construír instrumentos reciclando materiais de refugallo.

Instrumentos na tradición galega 

Instrumentos do mundo

Refugallo sonoro

5Antes de comezar a facer o instrumento pensa nos materiais e ferramentas que vas precisar para facelo, tendo en conta que non imos mercar nada para construílo. Podes pedir axuda aos maiores da casa se necesitas facer algunha acción que resulte perigosa ou teña moita dificultade.

6. Busca a sonoridade do teu instrumento sen esquecer a estética:é importante que dediques tempo a decoralo e deixalo ben bonito pero o máis importante é que podas facer música con el. 

7. Cando remates o teu traballo como luthier, cubre unha ficha onde deberás indicar o nome do instrumento, a familia á que pertence (aerófono, cordófono, idiófono, membranófono, electrófono), os materiais e ferramentas necesarios para construílo e un debuxo ou esquema do proxecto. 


Debuxo ou esquema do proxecto



Nome do instrumento

Familia á que pertence

Materiais necesarios para construílo

Ferramentas empregadas

Luthier:
Curso:

Se necesitades axuda ou tedes dúbidas contactade comigo      adelacastelao20@gmail.com

Espero poder ver e escoitar moi pronto os vosos traballos. Ánimo!

domingo, 22 de marzo de 2020

Chegou a primavera


Chegou a primavera e pillounos a todos confinados nas nosas casas debido ao coronavirus. Se estivésemos na aula de música do Castelao lembraríamos a Vivaldi e escoitaríamos o 1º movemento da súa obra "As catro estacións" .


Antonio Vivaldi naceu en Venecia (Italia) en 1678. Aprendeu a tocar o violín dende moi pequeno da man do seu pai. Con quince anos iniciou estudos para facerse cura mentres seguiu estudando música.  
Ordenouse sacerdote e, debido a unha enfermidade respiratoria que padecía, deixou de facer misa. Conseguiu traballo como profesor de música nun orfanato. Coa orquestra e o coro do Hospicio da Piedade fíxose famoso internacionalmente.  Vivaldi tiña o cabelo de  cor vermella polo que lle puxeron  o alcume o cura vermello.
Escribiu máis de 800 obras e sentou as bases, como compositor, do modelo de concerto italiano en tres movementos, rápido-lento-rápido.

Escoitemos o 1º movemento da suite As catro estacións que nos describe a primavera.

A primavera


 A primavera

Aquí vos deixo outro vídeo co tema do 1º movemento da Primavera de Vivaldi en forma de musicograma: cando se repite un tema musical aparece o mesmo debuxo, máis grande ou máis pequeno segundo a intensidade.
 

Unha cancionciña  para que bailedes un pouco a ritmo de rock.

E podemos cantar a primavera con Mamá Cabra
Unha  fermosa cantiga sobre a primavera. Está en portugués pero seguro que entenderedes o texto do karaoke: Cançäo da primavera.

E seguimos con outro Karaoke para os máis maiores: Canción de primavera de Joaquín Sabina.

Para rematar déixovos un vídeoclip que non fala da primavera pero si do que estamos vivindo neste momentos. 
Son o grupo Lora, dous rapaces de Carral que coa canción Odisea chaman ao optimismo e á unidade para derrotar ao virus e aplauden a aqueles que van traballar e a todos os que nos quedamos na casa "separados para estar unidos ya habrá tiempo  para recuperar los abrazos perdidos" 




Se queres seguir xogando e traballando coa música visita os blogs 



Feliz primavera a todos!




luns, 16 de marzo de 2020

Facendo música...na casa

Durante estes días que imos estar na casa sen asistir á escola podemos aproveitar para cantar, bailar e escoitar música en familia ou para xogar coa música mentres aprendemos.

No blog Caixa de xogos tedes un montón de xogos musicais para repasar o aprendido e pasalo ben.

Podedes escoller o tema do xogo facendo clic en Flipcard e despois en etiquetas.

Na marxe esquerda da páxina ZUMZUM están os enlaces aos audios e partituras traballadas este curso e cursos anteriores coa frauta.

Podedes contactar comigo a través do correo electrónico
adelacastelao20@gmail.com

Espero que nos vexamos moi pronto, ata entón bo taballo e moito ánimo!