Neste trimestre, co alumnado de 6º, imos estudar as diferentes agrupacións de instrumentos. Para que podades comezar a realizar o traballo proposto na aula déixovos algúns enlaces interesantes:
No blogue Caixa de xogos tes actividades interesantes para recoñecer instrumentos e agrupacións instrumentais. Lembra facer un clic sobre a pestana Flipcard e despois en Etiquetas.
Despois duns días de descanso voltamos á escola cheos de historias que nos aconteceron no Nadal, onde os agasallos de Papá Noel e dos Reis Magos teñen un protagonismo especial. Déixovos un enlace ao blog de Marga Sampaio que nos relaciona a música cos xoguetes.
Seguimos a cantar, contar e escoitar na aula de música. Que desastre de frautista!
O frautista de Hamelin pasea moi contento pola vila tocando a súa frauta seguido de todos os habitantes, pero ten un problema: o frautista nunca estudou Educación Vial e descoñece os sinais de tráfico!. Menos mal que tanto novos coma vellos lle botan unha man...
O vello reloxo
Ramón atopa no faiado o reloxo do avó, vello destartalado e cheo de po. Intenta arranxalo pero a esfera non ten números. Ramón emprende unha aventureira viaxe na súa busca e coñecerá a nova e sorprendente vida dos números que marcaban as horas no reloxo de parede do seu avó.
Seguiremos a viaxe de Ramón escoitando o andante da sinfonía 101 de Josef Haydn "O reloxo". Maravillosa!
O día 25 de novembro é un día de reflexión e denuncia contra as diferentes formas de violencia que sofren as mulleres.
Este venres realizaremos un acto simbólico na nosa escola no que rapazas, rapaces e profesorado expresaremos o noso rexeitamento ante esta forma de violencia.
O primeiro trimestre vai ramatando e como punto final vainos visitar Paco Nogueira para facernos rir, cantar, bailar e brincar cos seus temas de Brinca vai! Neste traballo o músico compostelán fai un percorrido polos doce meses do ano cun amplo abano de estilos e ritmos para achegarnos moitos dos temas que tratamos na escola ao longo do curso: a natureza, as estacións, os xogos, a lectura, as festas populares... Aquí vos deixo algunhas das súas cancións para que comecedes a brincar xa:
Leonard Cohen, coa súa voz grave e profunda encheu de música e poesía a vida de moita xente durante máis de cincuenta anos.
A súa obra coma poeta e cantautor tivo moita influencia nas creacións doutros músicos;
os seus temas foron versionados por múltiples cantantes de diversos estilos.
A pasada semana o Premio Nobel de Literatura foille outorgado ao cantautor e poeta estadounidense Bob Dylan.
O xurado destacou a figura de Dylan "por ter creado unha nova expresión poética dentro da gran tradición da canción norteamericana".
Traballaremos a música de Dylan na aula proximamente así que podemos ir "afinando" lendo e escoitando o seguinte enlace:
Cantante,
compositor, arreglista e multiinstrumentista foi un artista moi prolífico dende
moi novo.
Naceu en 1958 , fillo dun pianista e unha cantante e deixounos hoxe
con 57 anos.
Dou o salto á
fama a finais dos anos 70 e chegou a gravar máis de 30 discos dos que vendeu máis
de 100 millóns de álbums ao longo da súa
carreira.
Foi un dos músicos máis imaxinativos da súa era. Na súa música
fusionou o rock e o funk acadando grandes éxitos entre o público e moitos premios entre os que destaca un Óscar á
mellor canción orixinal polo tema Purple Rain.
O 23 de abril
celebramos o Día do Libro, e este ano conmemoramos dun xeito especial a obra de
Cervantes por ser o cuarto centenario da
súa morte.
"En un lugar de la Mancha, de cuyo nombre no quiero acordarme, no ha mucho tiempo que vivía un hidalgo de los de lanza en astillero, adarga antigua, rocín flaco y galgo corredor"
Sen dúbida “O
Quixote” é a obra de Cervantes máis universal. Traducida a moitísimas linguas é
unha novela que serviu e serve de inspiración a outros escritores, poetas, dramaturgos,
pintores, escultores, actores e, como non, a músicos e coreógrafos.
Dicía o Quixote "Donde música hubiere, cosa mala no existiere".
Dende o século XVII ata os nosos días O Quixote dou lugar a obras musicais de diferentes estilos e xéneros: ópera, zarzuela, música sinfónica, música de cámara, canción lírica, música de cine e teatro, ballet e ata música popular e comercial.
Gran Pas de Deux do ballet Don Quixote coa música de Ludwig Minkus.
Unha das canción máis coñecidas sobre o Quixote foi a banda sonora da serie televisiva emitida en 1979.
Pero son moitos os cantantes que se viron inspirados por este singular personaxe da literatura española. Se queres escoitar outras cancións entra no enlace:
Un ano máis o alumnado de quinto expón o
seu traballo como luthier. Seguindo a temática proposta pola Biblioteca
do centro, as olimpíadas, os alumnos realizaron en primeiro lugar un traballo
de investigación sobre instrumentos de todo o mundo, para despois crear a súa
propia versión do instrumento escollido. A reciclaxe de materiais foi un punto
de partida para poder elaborar estes particulares instrumentos sen esquecer a
colaboración de moitas familias que axudaron aos seus fillos e fillas a
levar a bo fin este traballo. Dende a aula de música agradecemos a súa
axuda.
Os instrumentos están expostos no corredor da planta baixa do centro,
organizados en familias instrumentais. Todo o alumnado do Castelao fará un
percorrido pola exposición durante a clase de música para ver e escoitar as
achegas dos compañeiros de 5º nivel.
O 9 de marzo celébrase o aniversario de Clara
Rocmore, nena prodixio da música. Unha enfermidade nos ósos a incapacitou como
violinista mais en lugar de esquecer a música adicouse ao estudo e
interpretación dun instrumento moi especial, o theremin, instrumento
electrónico que se toca sen tocalo e co que esta intérprete pasou a ser
coñecida como a percusora da música electrónica.
Léon Theremin, creador do instrumento coñeceu a
Clara cando ela tan so tiña 18 anos. O ideólogo do theremin doulle a
Clara Rockmore a oportunidade de interactuar co instrumento e ela comezou a
tocalo de xeito que parecía que non fixera outra cousa na súa corta vida. A
pesares de ser un dos instrumentos máis difíciles de tocar xa que non ten
referencias nas que afinalo, Clara Rockmore logrou dominalo á perfección e
abrir camiño para convertelo no pioneiro da música moderna.
No seguinte enlace podemos escoitar a interpretación de Clara Rockmore co theremin "O cisne" da obra "O entroido dos animais" do compositor Camille Saint-Säens
Tivemos a sorte de poder experimentar con este particular instrumento hai dous cursos na aula de música, cando o profe Óscar nos presentou o seu theremin e o puxo nas nosas mans.
Con motivo da
celebración do 8 de marzo son moitos os artigos e entrevistas que aparecen na
prensa sobre mulleres que tiveron ou teñen interese e relevancia no mundo
científico, literario, artístico ou empresarial. Pero en algún destes artigos tamén se fai referencia
a outras mulleres, "mulleres
aventureiras, valentes, ousadas, con visión de futuro, dun futuro que,
posiblemente, nin sequera chegaron a albiscar".
Entre estas mulleres
está Minna Keal, unha muller inglesa que estudou música de nena
pero pasou a súa vida traballando coma secretaria. Cando se xubilou con máis de 70 anos lembrou o moito que gustaba de facer música
cando era nena e volveu a sentarse ao piano comezando unha brillante carreira
como compositora, carreira que desenvolveu ata que finou con 93 anos. «Sentía que chegaba ao fin da miña vida,
pero tamén me sentía como se estivese empezando, como se vivise a miña vida ao
revés»
Podedes escoitar neste enlace a Balada en Fa menor para viola e piano da compositora.
Cunha aperta podemos
reciir ou aportar cariño, afecto, amor,
protección, consolo, amizade, cordialidade, confianza, seguridade, gratitude e
moitas máis cousas, todas elas positivas.
Na aula de música espérannos moitas apertas musicais: Comezamos co tema de Magin BlancoRumba das apertas
Na Historia de un abrazo veremos unha fábula narrada sen palabras sobre a importancia das apertas dende a nosa infancia.
A forza dunha aperta é unha curta de animación sobre o poder das apertas fronte á violencia.
Déixovos unha versión co fondo musical Apertas que voan de Paco Nogueira
A proposta deste trimestre para os LUTHIERS de 5º é a construción de instrumentos musicais con materiais de refugallo pero baseándose en instrumentos tradicionais dos cinco continentes, seguindo o fío temático proposto para este curso: Os xogos olímpicos.
Na aula de música e na biblioteca da escola podedes consultar diferentes libros que vos poden axudar na investigación sobre este tema así como na elaboración do voso instrumento.
Tamén na INTERNET atoparades moita información sobre a construción de instrumentos reciclando materiais e moitas imaxes e información sobre instrumentos de todo o mundo.
Nesta páxina do Consello da Cultura Galega atopamos unha completísima e moi interesante recopilación dos instrumentos musicais da nosa terra organizados en familias instrumentais realizada por Pablo Carpintero Arias.
Bowie non era un músico máis, era único porque non
se parecía a ningún outro músico.
Cantante, instrumentista, fascinado polo
cine, o arte, a moda, os libros, David
Bowie viviu dende moi novo en constante evolución e transformación. Foi
atrevido en todas as facetas da súa vida mais non seguindo as modas senón
creando a súa propia.
Aqueles que o o
coñeceron e traballaron ao seu carón destacan del a súa gran elegancia,
amabilidade e os modais exquisitos cos que trataba á prensa, aos fans e todo aquel que se lle
achegaba.
Un ano máis
chega o Nadal e con el as panxoliñas e os Cantos de Reis. Podedes escoitar unha
pequena selección nos enlaces do blogue de cursos anteriores:
Pero hoxe imos falar doutra música que tamén nos rodea nestas datas: a música da
publicidade.
Din que unha imaxe val máis que mil palabras, pero se a esa imaxe lle
engadimos son… pasa a valer un millón.
Os publicistas coñecen ben o valor que ten a música nas súas creacións, e
saben da influencia que ten o son que acompaña ás imaxes nos espectadores.
Escoller a banda sonora dun spot publicitario é clave para captar á atención, espertar
o interese e achegar o produto anunciado
ao maior número posible de consumidores. Segundo o público, ao que vai dirixido
o anuncio, empréganse diversas estratexias musicais: cancións tradicionais,
populares, música clásica, bandas sonoras de películas, éxitos musicais do
momento ou “jingles” que son mensaxes ou slogans cantados e creados para
anunciar un produto determinado.
A publicidade é a raíña do Nadal. Na televisión e na radio escoitamos a
todas horas músicas que nos traen á mente produtos típicos que non faltan na
nosa mesa durante as reunións familiares
ou posibles agasallos de Nadal.
Déixovos unha pequena selección de anuncios que forman parte da historia da
televisión no noso país. Moitos deles foron creados antes de que vós nacerades
pero seguro que os vosos pais e avós os lembran.
Na década dos setenta unha coñecida marca de bebidas anunciábase polo nadal transmitindo unha fermosa mensaxe de paz.
Tamén na década dos setenta unha marca de xoguetes logrou convertir un "jingle" publicitario nunha panxoliña.
Entre 1998 e 2005 polo nadal entraba nas nosas casas a través do televisor O Calvo da lotería.
Lembras a música? Seguro que si xa que temos bailado con ela xuntos máis dunha vez.
Como vai faltar o turrón na nosa casa na cea de Noiteboa!
Ludovico Einaudi é o compositor e pianista italiano que pon a banda sonora do spot publicitario da lotería de Nadal de este ano.
A música do piano nas mans de Einaudi cóntanos, neste anuncio, a historia de Justino, un garda de seguridade dunha fábrica de maniquís no turno de noite. Justino está so e nunca coincide cos seus compañeiros, pero remata comunicándose e establecendo unha relación con eles a través das figuras da empresa.
Despois das tristes novas acontencidas esta fin de semana propóñovos escoitar unha canción francesa "Sous le ciel de París" interpretada pola cantante Zaz e Pablo Alborán acompañada dunhas fermosas imaxes desta cidade tan máxica.
Na clase de hoxe dous compañeiros de 6º fixeron dúas propostas ben distintas e ben interesantes para que as interpretemos na aula coa frauta. Aquí as tedes para que as poidades escoitar, ver e interpretar. QUE A FORZA VOS ACOMPAÑE
STAR WARS
Star Wars é unha saga de películas concibidas polo guionista, director e produtor de cine estadounidense George Lucas. A banda sonora é obra do compositor John Williams, un dos músicos máis recoñecidos dentro do mundo do cine.
A música desta película acadou importantísimos premios e está considerada como unha das mellores bandas sonoras de todos os tempos.
Coñeces aos protagonistas?
A RIANXEIRA
"A Rianxeira" é unha canción popular galega, convertida nun dos símbolos culturais de Galicia. Foi composta en Bos Aires en 1947 nunha reunión do Centro Rianxo sendo Anxo Romero Loxo o autor da música e Xesús Freiro Dourado "Pinciñas" o autor da letra.
O texto orixinal ten a súa orixe en diversas variantes de cantos tradicionais de acompañamento ás procesións de adoración á Virxe de Guadalupe (patroa de Rianxo) do século XIX, que se realizan na vila de Rianxo, sendo o seu xentilicio feminino o que bautiza ao himno. Nun principio chamárona "Ondiñas da nosa ría".
A pesar da súa orixe, o texto non é de carácter relixioso, aínda que se serve da figura metafórica da Virxe para realizar unha evocación á figura da muller galega traballadora da mar.
"A Rianxeira" é cantada con ocasión de celebracións e festividade de carácter privado, costume tamén estendido co éxito dos clubs galegos de fútbol durante os anos 90 nas manifestacións públicas deportivas.
Son moitos os artistas de xeitos e estilos diferentes que teñen interpretado este tema tan popular. Podedes escoitar as versións dun cuarteto de corda, o Cuarteto Egeria, a da cantante Ses e a de Emilio Rúa.