O alumnado de 5º nivel realizou un traballo de luthier durante o terceiro trimestre.
No mes de abril recibimos na clase a visita dun luthier da comarca, Suso Gestal, que complementou a visita do luthier de Ordes, Manel, sobre a construción de instrumentos musicais da cultura tradicional galega.
Durante varias semanas nenos e nenas recompilaron información sobre o instrumento que querían facer ao tempo que gardaban e recollían materiais de desfeito que lles podían servir para construilo.
Na aula de Música cada un dos alumnos e alumnas fixeron unha exposición do seu traballo, que se valorou tendo en conta a estética, a exposición oral sobre os materiais e ferramentas empregadas e o procedemento realizado para construilo, a orixinalidade e, sobre todo, o son e a interpretación musical que realizaron co seu instrumento.
A finalidade dun instrumento musical e facer música con el, ben interpretando unha melodía, un ritmo ou acompañando unha cantiga. Seguindo a temática proposta dende a Biblioteca do centro, "A arte galega", pedíuselle ao alumnado que a interpretación individual ou en grupo a realizar coas súas creacións fose sobre música galega. Escoitamos pezas breves interpretadas por frautas e cordófonos e tamén moitas cantigas tradicionais ao son das súas pandeiretas, pandeiros, tambores ou botellófonos. Temos no Castelao uns luthiers e músicos estupendos!
Dende a Aula de Música agradecemos a colaboración de moitas das familias pola súa implicación neste traballo.