O alumnado de 5º curso asistimos hoxe a un concerto de música tradicional na aula de Música do noso centro.
Despois da charla que nos ofreceu Suso Gestal sobre os instrumentos que elabora e repara no seu taller de Abellá, escoitamos o son da zanfona nas súas mans e un recital de música tradicional interpretado polos gaiteiros Servando e Antonio, que xa nos visitaron o curso pasado, acompañados por alumnos do centro: Rodrigo que tocou o tamboril e Nuria, Lucía e Daniela que acompañaron todas as pezas coa pandeireta.
Agradecemos a Suso Gestal toda a información que nos dou e a Servando e Antonio a disposición que sempre teñen para vir ao Castelao e mostrarnos o seu bo facer pola música tradicional.
Como non pode ser doutro xeito, tamén agradecemos a Rodrigo, Nuria, Daniela e Lucía a súa participación na audición e dun xeito especial á profe Patricia, titora de 2ºB, que nos puxo en contacto con estes grandes músicos e colaborou para poder realizar esta actividade.
Un ano máis os rapaces e rapazas de 5º están poñendo en marcha toda a súa creatividade para fabricar instrumentos musicais con materiais de reciclaxe. Seguindo a temática proposta polo equipo de Biblioteca para o alumnado de 5º curso, " A Música en Galicia", neste trimestre presentarán os seus instrumentos interpretando música galega, de autores e grupos galegos de todos os xéneros. Para ilustrarnos un pouco máis sobre o traballo de luthier contaremos coa visita de Suso Gestal, un luthier veciño que no seu obradoiro de Abellá en Frades constrúe e repara instrumentos de vento.
Suso contaranos como desenvolve o seu traballo e virá acompañado de dous gaiteiros xa coñecidos por todos nós, Servando e Antonio que nos interpretarán unhas pezas tradicionais.
Agardamos ilusionados a súa visita.
Déixovos un pequeno vídeo onde podedes ver como traballa co torno Suso Gestal.
Estas dúas últimas semanas escoitaríades falar dunha serie de televisión baseada en acontecementos sucedidos en Galica hai algúns anos: Fariña. Este relato televisivo está rodado en Galicia, a gran maioría das actrices e actores que lle dan vida aos personaxes son galegos e, como non, a música da serie tamén é galega. Aínda que non é un programa para o público infantil as pezas e cantigas que aparecen nela están a soar nos medios con moita forza. O artista Iván Ferreiro foi o encargado de facer a canción da cabeceira da serie, unha muiñeira moi pegadiza con so tres notas que imos tocar na clase. Clica no enlace ao blog A arca da Marga e poderás ver a partitura.
Comezamos o mes de marzo, mes en que traballamos a semana da prensa, a chegada da primavera e o Día da Muller.
Nos derradeiros cursos escoitamos a mulleres no mundo da música como cantantes ou instrumentistas mais, a cantas delas coñecemos como compositoras na Historia da Música?
Déixovos un enlace no blog da compañeira Marga Sampaio para achegarnos á obra destas mulleres silenciadas.
O alumnado de terceiro acudiu ao Auditorio de Galicia para escoitar e ver unha adaptación da ópera de Rossini Guillermo Tell a cargo da compañía La Baldufa.
O espectáculo contou
con catro cantantes, dous actores e tres músicos que interpretaron una versión
reducida da partitura orixinal para frauta traveseira, trompa e piano. Un amplo abanico de recursos
como sombras chinesas, marionetas, obxectos, proxeccións e animacións
audiovisuais fixéronnos disfrutar dun emocionante e divertido espectáculo.
O argumento xira
arredor da Lenda de Guillermo Tell, quen
coa súa valentía e destreza como arqueiro, logra liberar ao pobo dos abusos do
gobernador da comarca, non sen antes enfrontarse a duras aventuras e probas. A
peor delas: acertar cunha fecha o corazón dunha mazá colocada sobre a cabeza do
seu fillo.
Podes escoitar a famosa overtura da ópera nos seguintes vídeos:
Chegou o outono, tempo de castañas... e un ano máis preparamos o
magosto na escola cunha cantiga de Susa Herrera que reflexa moi ben como
celebramos esta festa.
Este outono chegou á nosa Terra non so cheiño de castañas, noces e bo tempo, tamén trouxo malas novas para as nosas xentes, para as nosas vilas e para os nosos bosques: incendios.
Déixovos un enlace ao blog "A arca da Marga" coa historia e as músicas que traballamos na clase esta semana.
Hoxe tivemos un encontro musical moi bonito na Aula de Música: visitáronnos dous gaiteiros da Asociación Cultural Veciños de Leira. Servando, o profesor de gaita da asociación, e Antonio, gaiteiro e avó dun dos nosos alumnos, trouxeron ata a clase de música os instrumentos principais da nosa música tradicional e interpretaron varias pezas. Estiveron acompañados por Rodrigo, alumno de 4º que tocou o tamboril e tres estupendas pandereteiras de primeiro:Daniela, Lucía e Nuria. Como bos músicos o primeiro que fixeron foi afinar os instrumentos e deixalos listos para dar comezo ao concerto.
Cando o público entrou na clase, Antonio explicounos como é unha gaita, as partes que ten, como se enche o fol de aire, onde se coloca a palleta e como soan o roncón e o punteiro.
Despois tocoulle a Rodrigo falarnos do tamboril e do bombo.
E dou comezo o concerto cunha popular muiñeira.
Interpretaron un pasodoble, unha xota e cantamos con eles A saia da Carolina e Na beira do mar.
Despois de tanta festa remataron o recital con outra muiñeira que animou a Jose, un alumno do público, a facerse cargo do bombo e a dúas rapazas a bailar con moito xeito.
Gustounos moito o concerto!
Dámoslle os parabéns aos artistas do Castelao polo ben que o fixeron.
Agradecemos a Servando e a Antonio a súa boa disposición e colaboración para achegar a nosa música tradicional aos rapaces e rapazas da nosa escola. Esperamos volver a escoitalos e velos no vindeiro curso.
Moi prontiño teremos a visita na aula de música de dous gaiteiros do noso concello, Servando e Antonio. Os dous músicos amosarannos o seu instrumento e nos deleitarán cun concerto moi xeitoso xa que un pequeno grupo de pandereteiras de 1º, Lucía, Nuria e Daniela os van a acompañar xunto con Rodrigo, neto do gaiteiro Antonio e alumno do centro, que vai tocar o tamboril.
Entre as pezas que van tocar está A Carolina así que aí vai o texto que cantaremos con eles e a partitura por se queredes acompañala coa frauta:
A saia da Carolina
ten un lagarto pintado;
cando a Carolina baila,
o lagarto dalle ó rabo.
-Bailaches Carolina?
-Bailei, si señor.
-Dime con quen bailaches.
-Bailei co meu amor (tres veces)
Bailaches Carolina?
Bailei, si señor.
A Carolina é unha tola
que todo o fai ó revés,
vístese pola cabeza
e díspese polos pés.
-Bailaches Carolina?
-Bailei no cuartel.
-Dime con quen bailaches.
Bailei co coronel (tres veces)
Bailaches Carolina?
Bailei, no cuartel.
O señor cura non baila
porque ten unha coroa.
Baile, señor cura, baile,
que Deus todo llo perdoa.
-Bailaches Carolina?
-Bailei, abofé.
-Dime con quen bailaches.
-Bailei co meu Xosé (tres veces)
Bailaches Carolina?
Bailei, abofé.
No curro da Carolina
non entra carro pechado,
namais entra a Carolina
co seu cocho polo rabo.
-Bailaches Carolina?
-Bailei, si señor.
-Dime con quen bailaches.
-Bailei co meu amor. (tres veces)
Co teu amor, Carolina,
non volvas a bailar,
porque che levanta a saia
e é moi mala de baixar. BIS
Son moitas as versións que temos escoitado desta cantiga tan popular en Galicia. Aquí tedes algunhas delas:
LUAR NA LUBRE
FUXAN OS VENTOS
UXÍA LAMBONA E A BANDA MOLONA
MARÍA FUMAÇA e a súa versión en castelán
A SAIA DA CAROLINA traspasa as nosas fronteiras e canta en portugués.
Manel é un artesán do noso concello: Manel é un luthier.
No seu taller de Santa Cruz de Montaos constrúe instrumentos da nosa música tradicional.
Na vindeira semana visitará a nosa escola para contarnos en que consiste o seu traballo e nos amosará algúns dos instrumentos feitos polas súas mans.
Seguro que nos resulta moi interesante o que nos ten que contar e lles facilita o traballo aos compañeiros de 5º curso que se convertirán en luthiers o terceiro trimestre.
Para todo o alumnado de 5º e tamén para todos os que queirades fabricar un instrumento musical, déixovos algunhas ideas.
Lembrade que tamén na biblioteca da aula de música temos libros con propostas interesantes para facer instrumentos musicais.
No enlace INSTRUMENTOS MUSICAIS DO MUNDO que traballamos o curso pasado podedes escoitar diferentes instrumentos que vos poden axudar no voso traballo.
Celebramos o 8 de marzo, día da muller, cunha vella amiga: Clementina, a tartaruga que se namorou, casou e descubriu que a súa nova vida non era todo o que ela imaxinaba. Preme na imaxe se queres lembrar a historia e a cantiga que fixemos na aula.
Co espectáculo INVENCIÓN, o grupo de
percusionistas ODAIKO percorre distintos momentos históricos facendo
un repaso ás grandes invencións da Humanidade.
Como en todos os espectáculos de
Odaiko, o humor, a interacción permanente co público e o
virtuosismo musical son as ferramentas que farán espertar a
curiosidade de todos os presentes.
Para ir preparándonos sobre o que imos
ver e escoitar, ODAIKO cóntanos algunhas curiosidades:
Sabías que...?
… a batería xorde na
música popular americana iniciada polos escravos africanos (bandas
“dixiland”)?
Nun comezo a batería era
tocada por varias persoas pero foise adaptando para reducir o número
de instrumentistas, pasando dunha sección de catro ou tres persoas
(cada persoa encargábase do bombo, da caixa, dos pratos e da
percusión varia) a dous instrumentistas; ata o día de hoxe, no que
un só instrumentista é quen de tocar todas as seccións da
batería.
… os moldeados das
baquetas fanse para conseguir máis rebote?
Deste xeito o son é mellor e os
percusionistas poden ser moito máis áxiles.
… os primeiros parches eran
todos de pel natural de diferentes animais?
Había parches de cabra, de vaca, de
serpes, etc., variando o tensado segundo o son que se quixera
conseguir.
… a maioría dos instrumentos
que están dentro do noso vocábulo musical (maracas, cencerros,
bombos…) nun primeiro momento foron unha simple casualidade?
Cunha combinación aleatoria de
elementos percutidos por casualidade, hoxe en día son denominados
“instrumentos pobres”, porque eran feitos con elementos do máis
cotiá. Non obstante, demostra a gran capacidade artística e de
auto-suficiencia do ser humano.
Déixovos unhas actividades para que repasedes o que aprendemos na clase sobre os instrumentos de percusión:
A Banda
de música é unha agrupación musical formada basicamente por instrumentos de
vento e percusión. A sonoridade forte destes instrumentos e o feito de que os
músicos podan desfilar mentres tocan, fan da banda unha agrupación ideal para tocar
ao aire libre e acompañar desfiles e pasacalles.
En textos da época dos
exipcios, chinos e outras civilizacións antigas atopamos referencias a
agrupacións de instrumentos de vento e percusión que servían para acompañar aos
cultos relixiosos ou aos soldados nos combates.
Hoxe en día atopamos diversos
tipos de bandas con funcións diferentes:
Bandas sinfónicas: a súa
principal función é a realización de concertos en espazos pechados ou ao aire
libre. Estas bandas poden contar con instrumentos de corda e teñen un
repertorio moi amplo.
Banda de música de Ordes; ensaio da obra "Os miserables"
Banda de música de Ordes interpretando "Amparito Roca"
Bandas militares: a súa función principal é acompañar eventos
militares coma desfiles ou actos oficiais. Nestas bandas non hai instrumentos
de corda pero poden contar con outros instrumentos como as gaitas.
Bandas procesionais: a
súa función principal é a de acompañar as procesións relixiosas. Moitas delas
están formadas so por cornetas e
tambores.
Bandas de jazz: a súa
función é puramente musical e de entretemento. Nestas bandas os músicos
improvisan en solitario dentro dunha base musical rítmica e harmónica.
Mención importante merecen as bandas ou rondallas de gaitas que cada vez son máis numerosas e populares na nosa comunidade. As gaitas, tamborís e bombos van acompañados doutros intrumentos da nosa música tradicional coma as pandeiretas, charrascos e cunchas.
Entre os anos 1931 e 1934
houbo en Ordes unha banda de músicos que ensaiaba no antigo matadoiro e actuou
por primeira vez o 14 de agosto de 1932 nas festas patronais. Ata a súa
desaparición en 1934 actuaron por diferentes localidades da provincia e
amenizaron as festas de moitas vilas interpretando dianas, pasodobres,
muiñeiras, xotas...
Antiga banda de Ordes
OS INSTRUMENTOS DA BANDA
VENTO METAL
Os instrumentos de vento metal están formados por un tubo
de metal, que pode ser recto ou estar domeado, unha campá para amplificar o son
e unha boquilla. Na banda podemos ver e escoitar trompetas, trompas, tubas, trombóns
e bombardinos.
VENTO MADEIRA
Os instrumentos de vento madeira soen tocar na banda as melodías máis agudas Neste grupo temos as frautas clarinetes, oboes, fagots e saxofóns. Moitos de vós pensades que o saxo é un instrumento de metal polo material de que está feito, pero o que fai sonar o saxofón é unha caña de madeira que vai unida á boquilla e vibra ao entrar en contacto coa columna de aire do músico. Din que o seu creador, que era clarinetista, quixo construír un instrumento que tivese a forza dos metais e as calidades acústicas dos instrumentos de vento madeira, e, despois de moitas probas e experimentos modificando o clarinete buscando máis sonoridade, decatouse que tiña nas mans un novo instrumento:
o saxofón.
A PERCUSIÓN
Os instrumentos de percusión son aqueles que facemos
sonar golpeándoos coas mans ou con baquetas. Os máis comúns na banda son os pratos,
as caixas e o bombo.
Non
esquecemos ao director da banda.
Toda banda ten un gran director que guía aos
músicos nos ensaios, organiza o programa musical, dirixe á banda nos concertos e
fai que mellore a sonoridade da banda día a dia. Seguro que disfrutamos moitísimo no concerto que nos vai a ofrecer a Banda de Ordes tendo en conta que algúns dos seus compoñentes foron ou aínda son alumnos do Castealo.
Para que todos vós podades participar dalgún xeito nunha interpretación musical cos instrumentos da banda, déixovos este enlace de Aude Picault. Clicando en cada un dos instrumentos desta fanfarria escoitaredes como soan e podedes combinalos como queirades. A TOCAR!