A música é unha
constante na nosa vida. Dende que espertamos ata que remata a nosa
xornada diaria vivimos rodeados de sons, ritmos e músicas. Pero,
dende cando sucede isto? Cales foron as primeiras melodías que escoitaron
ou cantaron os humanos? Como xurdiron os primeiros ritmos ou as primeiras
danzas?
Na Prehistoria non existía a escritura e ata a
Idade Media non se comezou a escribir música polo que resulta moi difícil saber
con certeza cales foron as orixes da música.
A Arqueoloxía e a
Etnoloxía son as ciencias que se encargan do estudio desta parte do
noso pasado: a Arqueoloxía estuda o pasado a partir das pinturas rupestres e dos
restos materiais atopados nas escavacións e a Etnoloxía encárgase do estudo de sociedades
que viven na actualidade pero aínda conservan costumes e formas de vida
primitiva.
O nacemento da música segue a ser un gran misterio pero arqueólogos e etnólogos coinciden en diferentes teorías sobre a súa orixe:
A música tivo
a súa orixe nos movementos corporais rítmicos que se facían nos traballos
colectivos.
A
música xurdiu como unha necesidade de comunicación cando alguén se atopaba
afastado.
A
música creouse coma unha imitación e espertar sonoro pola natureza: auga,
vento, trono, cantos de paxaros, verros
de animais, ecos...
A
orixe da música está ligado á maxia e mantén un carácter espiritual e
relixioso: os feiticeiros cantaban,
tocaban e bailaban nas cerimonias relixiosas e curativas.
Todas estas teorías coinciden en que
os primeiros sons musicais proviñan do propio corpo: palmas, golpes, pisadas ou
asubíos. Co tempo, os grupos humanos comezaron a empregar materiais do seu
entorno natural para producir ritmos: paus, pedras, ósos, cunchas, peles,
cornos…
